Feijóo anuncia que o PP recorrerá ao TC unha eventual lei de amnistía
Feijóo anuncia que o PP recorrerá ao TC unha eventual lei de amnistía
O líder do PP tachou a medida de "contubernio"
Sánchez e Núñez Feijóo reúnense esta tarde no Congreso
ERC insiste en negociar un referendo de autodeterminación
Cinco semanas despois, Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo volven reunirse, desta volta cos roles invertidos. Agora é o socialista o candidato á investidura. Sabe que os populares non van apoialo, así que aproveitará o encontro para falar do Poder Xudicial.
Pilar Alegría, voceira do PSOE, adiantou que van "recordarlle unha vez máis ao PP que leva 5 anos incumprindo a Constitución, impedindo a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial".
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este luns que o seu partido recorrerá ante o Tribunal Constitucional (TC) unha eventual lei de amnistía porque pola contra os populares serían "cómplices dunha inxustiza", e tachou a medida de "contubernio".
Nunha entrevista en Catalunya Ràdio, Feijóo sinalou que o PP traballará contra a amnistía "coa razón, a moral, a ética e a lei" e lembrou que, ao ter máis de 50 deputados no Congreso, poden exercer accións legais ante os tribunais, incluído o TC.
Ao preguntarlle por se recorrerán unha eventual lei de amnistía, o líder popular afirmou: "Si, claro, todo o que sexa inxusto témolo que recorrer porque se non seriamos cómplices dunha inxustiza. Ser cómplices dunha inxustiza nun Estado democrático como España é un acto de absoluta covardía".
O líder popular, que asistiu onte á manifestación contra a amnistía celebrada en Barcelona, subliñou que "non pode haber unha reducida elite política que estea por encima da lei" e negou que a amnistía contribúa á "reconciliación": "Non é un tema de convivencia, é un tema de conveniencia".
"Isto é unha transacción entre políticos. Uns para obter a absolución xudicial, a nulidade dos seus actos punibles, e o outro para ser presidente do Goberno. É un contubernio impropio do ano 2023 en España", sinalou Feijóo sobre a negociación da amnistía entre os partidos independentistas e o PSOE para a investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez.
Para o voceiro de Sumar, Ernest Urtasun, "quen teña lexitimidade activa para levar calquera iniciativa ao TC poderá facelo, pero, dende logo, as Cortes Xerais son soberanas para aprobar o que queiran".
Pola súa banda, ERC dá "por descontada" a amnistía e vai máis alá nas negociacións para a investidura de Sánchez. Segundo a súa portavoz, Raquel Sans, "ERC ten unha proposta moi clara para resolver o conflito político, que é a celebración dun referendo de autodeterminación".
Arnaldo Otegi, coordinador xeral de EH Bildu, considera que "se se produce a investidura e hai un acordo que propicie unha certa estabilidade na lexislatura, hai que abordar o problema nacional". O líder abertzale cre que "o Estado tense que recoñecer como plurinacional e, a partir de aí, falar dos dereitos que corresponden ás nacións con absoluta serenidade".
Con EH Bildu, e tamén con Junts, Pedro Sánchez pechará este venres a súa rolda de contactos cos partidos políticos, unha rolda que arrancou este luns cos líderes de CCOO e UXT .