Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo pediralle a Sánchez una baixada xeral de impostos ata finais de ano

Feijóo pediralle a Sánchez una baixada xeral de impostos ata finais de ano

Na Conferencia de Presidentes vai presentar un documento con varias propostas dirixidas a conter o prezo da enerxía

O presidente galego tras o Consello da Xunta deste xoves O presidente galego tras o Consello da Xunta deste xoves
G24.gal 12/03/2022 16:36

Alberto Núñez Feijóo pedirá este domingo na Conferencia de Presidentes que o Executivo central baixe os impostos "con carácter xeral" ata finais de ano, para reducir o impacto da invasión de Ucraína na economía das familias e das empresas.

Segundo fontes do Goberno autonómico, é unha das propostas que achegará Galicia ao encontro que se vai celebrar na Palma. O presidente da Xunta entregaralle a Pedro Sánchez un documento con esta e outras iniciativas dirixidas a conter o prezo da enerxía.

O obxectivo é, subliña, que o Goberno central "rectifique" algunhas das políticas dos últimos meses e tome medidas "inmediatas e urxentes" para reducir o forte impacto do conflito bélico.

Eixes principais

O documento ten cinco eixes principais, entre eles o "total apoio" da Xunta ao Goberno nos debates económicos que se están a levar a cabo no ámbito da Comisión Europea. Porén, pide que se articulen medidas de ámbito doméstico "sen agardar á regulación da UE".

Neste eido, enmárcase a petición dunha baixada xeneralizada de impostos ata finais de ano, especialmente sobre a electricidade, o gas e os carburantes.

Ademais, a Xunta reclama que comunidades e concellos sigan apoiando os colectivos máis vulnerables para evitaren cortes de subministracións. Do mesmo xeito, demanda a posta en marcha de plans para frear o consumo enerxético dende as administracións.

Sectores máis afectados

O Goberno galego propón medidas específicas para os sectores máis afectados, como a pesca, a agricultura, a gandaría, o turismo, a construción ou as empresas electrointensivas.

Ademais, suxire "reenfocar" a necesaria transición enerxética para que non afecte a actividades consideradas cruciais, como a industria do aluminio ou a automoción.

Tamén insta ao Goberno a reflexionar sobre políticas que "en lugar de aliviar os fogares e as empresas", considera, agudizaron "a súa difícil situación económica". Neste sentido, pide que reformule a implantación da peaxe nas autovías ou a reforma das cotas de autónomos.

Segundo explica a Xunta, o seu obxectivo é saír da Conferencia con medidas que "dean certeza e tranquilidade a familias e industria nun momento moi complicado para a economía", cunha inflación "en cifras máximas en 30 anos", salienta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade