Publicador de contidos
Publicador de contidos

Finlandia é xa membro de pleno dereito da OTAN e Rusia promete contramedidas

Finlandia é xa membro de pleno dereito da OTAN e Rusia promete contramedidas

O proceso de ingreso culminouse en tempo récord, e pon fin a case oito décadas de neutralidade militar finesa

Os líderes occidentais saúdan a entrada do novo membro na Alianza

O Kremlin advirte de contramedidas no plano "táctico e estratéxico"

G24.gal 04/04/2023 15:05 Última actualización 04/04/2023 21:36

Finlandia converteuse este martes no trixésimo primeiro membro de pleno de dereito da OTAN tras culminar o proceso de ingreso solicitado por mor da invasión rusa de Ucraína, o que implica que o país queda cuberto polo artigo 5 de defensa colectiva da Alianza.

"Coa recepción deste instrumento de ratificación, declaro que Finlandia é o trixésimo primeiro membro do Tratado do Atlántico Norte", afirmou o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, durante unha cerimonia na sede da OTAN.

Nese acto, o ministro finlandés de Exteriores, Pekka Haavisto, entregou o último documento que faltaba para completar o proceso de adhesión do seu país.

Previamente, Blinken confirmou que recibira o mesmo documento da parte de Turquía, o último aliado en ratificar a entrada de Finlandia.

Tradicionalmente o acceso dun país á OTAN prodúcese ao depositar todos os instrumentos de ratificación no Departamento de Estado dos EUA, que custodia o Tratado de Washington, fundacional da Alianza, pero nesta ocasión os aliados decidiron que esa entrega se realizase en mans do seu máximo representante, Blinken.

O proceso de ingreso culminouse en tempo récord, a máis rápida na historia moderna da organización, e pon fin a case oito décadas de neutralidade militar finesa.

A ofensiva, lanzada polo Kremlin sobre Ucraína para evitar unha posible expansión da OTAN ata as súas fronteiras, entre outros motivos, desatou o efecto oposto, xa que a adhesión de Finlandia, cos seus 1.340 quilómetros de fronteira, duplica a liña fronteiriza entre Rusia e a Alianza.

Finlandia prevé construir unha barreira de 200 quilómetros ao longo da fronteira con Rusia Finlandia prevé construir unha barreira de 200 quilómetros ao longo da fronteira con Rusia

Ademais, unha vez se integre tamén a veciña Suecia, cuxo ingreso está bloqueado de momento por Turquía e Hungría, toda a rexión do mar Báltico estará controlada polos aliados, limitando aínda máis a capacidade de movemento da frota rusa estacionada en San Petersburgo e Kaliningrado.

"Non queremos que outros nos digan o que podemos e non podemos facer"

Dese modo, o ingreso formal de Finlandia na OTAN coincidiu co día en que a Alianza fai 74 anos e no que, ademais, os ministros de Exteriores aliados inician unha reunión de dous días en Bruxelas.

O presidente finlandés, Sauli Niinistö, canda o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg O presidente finlandés, Sauli Niinistö, canda o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg

"Non queremos que outros nos digan o que podemos e non podemos facer", indicou pola súa banda o presidente finlandés, Sauli Niinistö, nunha declaración á prensa xunto ao secretario xeral da OTAN.

"Agora que somos membros da OTAN, temos unha tarefa moi importante: entregarlle o instrumento de ratificación de Suecia", dixo Haavisto a Blinken.

O izado da bandeira de Finlandia xunto ás dos outros 30 aliados poñerá o ramo á cerimonia de benvida a ese país á OTAN.

España di que a "nosa seguridade é maior"

O ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, asegurou este martes que co ingreso de Finlandia na OTAN "o incremento da nosa seguridade é maior".

"O que é certo é que hoxe a alianza é máis grande e por tanto, tamén o incremento da nosa seguridade é maior", dixo Albares en declaracións á prensa, minutos antes de que a Alianza Atlántica culminase o procedemento para o ingreso de Finlandia na organización.

Biden celebra que a OTAN sexa "máis forte ca nunca" 

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, celebrou a incorporación de Finlandia á OTAN e considerou que a organización é agora "máis forte que nunca" e está tamén "máis unida que nunca" pese ao intento do presidente ruso, Vladímir Putin, de "dividila" coa invasión de Ucraína.

As bandeiras da OTAN locían este martes nas rúas de Helsinki As bandeiras da OTAN locían este martes nas rúas de Helsinki

Nun comunicado difundido pola Casa Branca, Biden expresou o seu desexo de que Suecia tamén conclúa o seu proceso para entrar na OTAN e animou a Turquía e a Hungría a completar igualmente "sen dilación" os seus protocolos de ratificación para avalar o acceso sueco á Alianza..

Rusia advirte de que o ingreso de Finlandia non fortalecerá a Alianza

Rusia advertiu de que o ingreso de Finlandia como membro de pleno dereito da OTAN non fortalecerá a seguridade do bloque aliado, á vez que asegurou que se equivocan "profundamente" os que pensan que Moscova non reaccionará á adhesión.

"Todo será calibrado en consonancia coa conxuntura cambiante, a súa seguridade non se reforzará, a seguridade da Alianza Atlántica en xeral non se fortalecerá", asegurou o viceministro de Exteriores Serguéi Riabkov en declaracións á televisión pública rusa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade