Formoso non confirma se será candidato á alcaldía das Pontes nas municipais
Formoso non confirma se será candidato á alcaldía das Pontes nas municipais
Asegurou que a decisión será tomada sempre conforme aos intereses de Galicia
Formoso dixo que pensan revalidar todas as alcaldías e aspiran a gañar algunha máis
Sobre as posibles candidaturas á Xunta de Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero insistiu en que son asuntos internos que non lles preocupan aos galegos
Valentín González Formoso, secretario xeral do PSdG, segue sen confirmar se se vai presentar novamente á candidatura da alcaldía das Pontes nas vindeiras eleccións municipais. Nunha entrevista no Bos días da TVG asegurou que a decisión será tomada sempre conforme aos intereses de Galicia.
"Decidirase no seu momento, pero sempre segundo os intereses de Galicia e da propia sociedade. É un proceso no que temos moitas ilusións e esperanzas postas porque o socialismo historicamente sempre entendeu que o municipalismo é a administración máis achegada á cidadanía e que serviu para cambiar o país, como aconteceu hai décadas con Felipe González ou en Galicia máis recentemente con Touriño. Por todo isto é unha data importante para nós", explicou Formoso.
Tampouco quixo dar unha data sobre cando se pronunciará sobre este tema, só asegura que será pronto e que Galicia ten outras prioridades agora moito máis importantes.
"Pronto, pronto, hai uns prazos legais establecidos e así será. Agora temos problemas coa Sanidade, co emprego, coa diferenza de desemprego industrial que hai entre Galicia e outras comunidades autónomas, coa alza dos prezos para as familias... e non queremos frivolizar con cuestións que son de ámbito interno e que non creo que preocupen moito aos galegos máis alá do ámbito xornalístico", comentou o líder do PSdG.
Gómez Besteiro e Gonzalo Caballero
Ás preguntas sobre a posibilidade de que Gómez Besteiro volva á plana política socialista tras o arquivo das súas causas xudiciais, insistiu en que iso son asuntos internos que agora non preocupan aos galegos.
"Eu penso que xa contestamos a estas cuestións internas e persoais. Con todo o respecto do mundo, sería unha frivolidade pola miña parte perder tempo explicando isto cos problemas que teñen os galegos. Eles son os que sofren agora a alza de prezos, tamén a alza dos tipos de interese, os problemas das pemes e autónomos para sobrevivir... todas cuestións en que debemos estar no día a día", dixo Valentín Formoso.
Sobre o tema do exsecretario xeral dos socialistas Gonzalo Caballero e a súa posible candidatura á Xunta, Formoso dixo que están moi lonxe de dar a imaxe de partido dividido por estes motivos.
"A sociedade ve un PSdG moi forte que goberna en Vigo, en Ferrol, en Vilagarcía, en Monforte, na Coruña. Goberna en tres das catro provincias, en definitiva goberna ao 62 % dos galegos, que é unha fotografía ilusionante, polo que entendemos a envexa do PP respecto a isto. Envexa sa e lexítima", argumentou Valentín Formoso.
Valoración dos posibles resultados municipais
Sobre os posibles resultados que acadará o PSdG nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, Formoso dixo que pensan revalidar todas as alcaldías e aspiran a gañar algunha máis.
"Penso que imos revalidar todas as alcaldías e aspiramos a algunha máis. Temos o caso de Ourense, onde temos que intervir por unha cuestión de saúde democrática, onde o PP permitiu que a lista máis votada, que era o PSdG non gobernase, con consecuencias dramáticas. O resultado é que temos un alcalde indigno para esa cidade e que está sumida na desmoralización e na parálise, cunha situación que permitiu Feijóo e agora Rueda".
Coalición de Goberno e a lei da polémica
Sobre o debate interno da coalición de Goberno arredor da lei do si é si, Formoso foi moi claro e lembrou que o seu partido está sempre do lado das mulleres, como amosan as novas leis que viron a luz.
"A lei ten que mellorarse e reformarse, como dixo Pedro Sánchez, pero sen esquecer que a aposta pola liberdade das mulleres é o principal para o PSOE, que aprobou unha lei de igualdade efectiva, unha lei que favorece ou permite o matrimonio homosexual, unha lei contra a violencia de xénero, unha lei do aborto, e nestes catro piares o PP votou en contra de todas e mesmo recorreu contra elas. Isto está pasando por exemplo coa lei de aborto, contra a que o PP recorreu no Tribunal Constitucional, con Feijóo dicindo que o aborto non é un dereito fundamental. Penso que o PSOE lidera os beneficios para as mulleres en España".
Valentín Formoso falou tamén da Sanidade, da industria e das enerxías renovables, as tres grandes apostas que o PSdG levará adiante na vindeira cita coas urnas o 28 de maio.