Publicador de contidos
Publicador de contidos

Francia convértese no primeiro país que constitucionaliza o dereito ao aborto

Francia convértese no primeiro país que constitucionaliza o dereito ao aborto

Deputados e senadores aproban cunha ampla maioría a inscrición do dereito na Constitución, nunha reforma que consideran "histórica"

G24.gal 04/03/2024 20:03 Última actualización 04/03/2024 20:25

Os deputados e senadores franceses, reunidos en sesión conxunta, adoptaron este luns de forma maioritaria a inscrición do aborto na Constitución, unha reforma que consideraron "histórica".

En total, 780 dos 925 parlamentarios aprobaron unha reforma constitucional que modificará o artigo 34 da Carta Magna para incluír "a liberdade garantida da muller para recorrer á interrupción voluntaria do embarazo".

O proxecto foi posto en marcha polo presidente Emmanuel Macron para preservar ese dereito ameazado noutros países, contaba cun grande apoio popular e de todos os partidos políticos, sen reservas na esquerda e máis condicionados na dereita e extrema dereita.

Só 72 deputados votaron en contra desta reforma que converte a Francia no primeiro país que constitucionaliza o aborto, unha reforma que pretende inspirar a outros e servir de base á loita das mulleres en todo o mundo, segundo indicou o primeiro ministro Gabriel Attal.

"Orgullo francés, mensaxe universal", escribiu na rede social X o presidente, que por prohibición legal non puido acudir ás deliberacións do lexislativo.

Macron anunciou unha gran cerimonia o vindeiro venres, coincidindo co Día Internacional dos Dereitos das Mulleres, fronte ao Ministerio de Xustiza, onde por primeira vez na historia o público poderá asistir á promulgación dunha lei por parte do presidente.

Unha explosión de alegría percorreu a praza do Trocadero, fronte á Torre Eiffel, xunto ao monumento dos Dereitos Humanos, onde fronte a unha pantalla xigante que retransmitía a sesión do Congreso se reuniron centos de defensores do aborto. "O meu corpo, a miña elección", inscribiuse no monumento para marcar este avance "histórico" no país.
 

Ambas as cámaras reuníronse en sesión conxunta en Versalles Ambas as cámaras reuníronse en sesión conxunta en Versalles

Numerosos responsables políticos tomaron a palabra para asegurar que aínda que o aborto non se cuestiona en Francia nestes momentos, con máis de oito de cada dez franceses a favor da súa inscrición na Constitución, pode facerse no futuro, e introducilo na Carta Magna dificulta revisalo.

Puxeron como exemplo o sucedido noutros países, como Os Estados Unidos, Polonia, Hungría ou A Arxentina, onde aseguraron que o presidente Javier Milei se dispón a eliminar o dereito ao aborto.

Aínda que a maior parte dos deputados da extrema dereita votou a favor da reforma, os seus líderes puxeron a nota discordante na xornada, ao considerar que se trata dunha manobra do presidente para ocultar a súa debilidade parlamentaria.

A primeira reforma da Constitución desde 2008

A reunión do Congreso e a votación, a primeira para unha reforma constitucional en case 16 anos, estivo chea de elementos simbólicos. Foi a primeira presidida por unha muller, a presidenta da Asemblea Yaël Braun-Pivet, e tivo lugar a case cincuenta anos da aprobación da lei de interrupción do embarazo, que leva o nome da entón ministra de Sanidade Simone Veil.

Os deputados e senadores tamén eran conscientes de vivir un momento especial, xa que a anterior sesión deste tipo para unha reforma constitucional se remonta a 2008. Moitos fixeron selfies ao entrar á enorme Sala do Mediodía do xigantesco Palacio de Versalles. Esta sala, capaz de acoller 1.500 persoas, que viviu xa numerosos momentos históricos, foi elixida debido a que os hemiciclos das cámaras son insuficientes para acoller os 577 deputados e 348 senadores.

Ao terminar a sesión, un grupo de mulleres de organizacións feministas que estaban na tribuna de invitados entoou Debout les femmes, un himno das loitas feministas dos anos 70. A garantía do aborto nunha Constitución nacional só ten un precedente histórico, en 1974 na desaparecida Iugoslavia, aínda que esa garantía se extinguiu co final dese país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade