Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fronte común contra o proxecto dun transformador no campo da festa de Sobradelo

Fronte común contra o proxecto dun transformador no campo da festa de Sobradelo

Denuncian que o terreo onde queren instalalo é de uso veciñal 

G24.gal 26/09/2023 16:02

A parroquia de Sobradelo, en Vilagarcía de Arousa, está en pé de guerra contra a instalación dun transformador en pleno campo da festa de Outeiro. A veciñanza considera que hai moitas outras alternativas menos lesivas e que, ademais, ninguén os informou do proxecto. 

O presidente da Asociación de Veciños, Anxo Lúa, asegura que "non van permitir que se constrúa nunha propiedade privada unha caseta sen autorización". Este espazo leva sendo campo da festa dende que os veciños teñen acordo.

Era de propiedade particular e os copropietarios do terreo decidiron en tempos cedelo para uso veciñal. O que se lle deu ata agora: para facer festas, reunións e todo canto dispuxeran os veciños de común acordo. 

O presidente da Comisión de Festas, Manuel Oubiña, di que "teñen previsto facer proximamente o magosto. En marzo farán unha churrascada e despois as festas do Sacramento".

O espazo non é titularidade municipal, por tanto os veciños, que este luns decidiron concentrarse en medida de protesta, din que non pode ser o Concello quen dea permiso, xa que non é competente na materia.

O espazo úsase tamén como aparcadoiro. Este martes decidiron clausuralo como medida disuasoria ante a posible intención da empresa eléctrica de seguir coa idea de levar alí o transformador.

Outros veciños comentan que "lles dixeron de poñer o trasformador no solo municipal ao lado da Casa de Cultura pero a contestación foi que lles sae moi caro a Fenosa" e que "lle compren un cacho de leira a un veciño, que a ten baldía, non que lle veña coller o dos veciños".

Os veciños non conseguiron reunirse co alcalde para trasladarlle as súas reclamacións. O vindeiro xoves teñen pensado asistir ao pleno municipal ordinario para facerse oír e evitar por todos os medios que un transformador arruíne o seu campo da festa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade