Galicia adianta dous anos a meta europea para ampliar os cribados de cancro
Galicia adianta dous anos a meta europea para ampliar os cribados de cancro
O conselleiro de Sanidade di que os programas de mama, colon e cérvix do Sergas cumprirán co obxectivo da UE no 2023
O conselleiro de Sanidade asegurou en Bruxelas que Galicia se vai adiantar "en dous anos á meta europea para a estensión dos programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix".
Julio García Comesaña participou este venres no Consello de Ministros da UE representando as comunidades autónomas españolas no apoio á revisión da recomendación europea sobre programas de cribado.
Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, o Plan europeo de loita contra o cancro, aprobado o pasado ano, marca como obxectivo que os cribados de mama, colon e cérvix cheguen ao 90 % da poboación obxectivo no ano 2025.
“En Galicia iso xa ocorre con mama e colon, e sucederá co de cérvix no vindeiro ano”.
Este novo Plan contempla a ampliación do rango de idade da poboación á que vai dirixida e abre a porta a desenvolver programas de detección precoz en cancros como os de pulmón ou próstata. Segundo o conselleiro, Galicia “está totalmente en liña con estas formulacións”.
“A nosa comunidade acaba de presentar unha estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña con ese plan europeo e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección precoz deses cancros en grupos de risco”.
Aumento da partida
Comesaña subliña que “a Xunta aprobou uns presupostos para o vindeiro ano que incrementan un 70 % a partida para cribados, fundamentalmente para afrontar a extensión a toda Galicia do cribado de cancro de cérvix, que agora mesmo funciona en tres das sete áreas sanitarias”.
“No vindeiro ano chegará ao 100 %, un obxectivo que o Ministerio de Sanidade nos marcaba para 2029”.
No que respecta ao cribado de cancro colorrectal, dende a súa implantación no 2013 realizáronse test a máis de medio millón de persoas s e detectáronse máis de 1.500 cancros en estadios iniciais.
Respecto ao cancro de mama, o cribado celebra este ano en Galicia o seu 30 aniversario con máis de tres millóns de exploracións e a detección de xeito precoz de máis de 10.000 casos.