Galicia apoiará a proposta de novas limitacións para eventos e reunións sociais
Galicia apoiará a proposta de novas limitacións para eventos e reunións sociais
O comité clínico estudará ampliar a esixencia do certificado covid máis aló da hostalaría
O Consello Interterritorial de Saúde reúnese mañá para analizar medidas fronte á ómicron
Os hospitais galegos están preparados para detectar a entrada da variante
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apoia a recomendación realizada polo Ministerio de Sanidade de limitar o número de participantes nos eventos públicos e sociais, pero non adoptará, polo momento, ningunha medida a maiores das que están en vigor.
Mañá reunirase o Consello Interterritorial de Saúde de maneira presencial, no que podería abordarse esta cuestión, explicou. "Toda recomendación de prudencia, de axustar ben as ocupacións dos eventos e reducir as interaccións levámola dicindo mesmo cando tiñamos unha incidencia de sete a sete días, sempre é recomendable". Nese sentido, engadiu que "Galicia, se esa é unha proposta que finalmente se traslada, unha vez estudada, probablemente se sume a esta recomendación".
"Galicia deu un paso xa hai dúas semanas baixando o número de persoas permitidas nas mesas no interior de 10 a oito", unha medida "de pouco alcance", pero buscaba "transmitir esa mensaxe de intentar reducir na medida do posible as agrupacións de persoas nas ceas e nas comidas", dixo, ao preguntarlle por posibles medidas restritivas cara á ponte da Constitución.
En todo caso, este venres volverá reunirse, como todas as semanas, o subcomité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia, e ten sobre a mesa algunhas das "propostas de ampliación", no que se refire á esixencia do certificado covid, máis aló da hostalería, o lecer nocturno e nas visitas aos hospitais, onde xa está implantado.
"De momento, non imos ir máis aló sempre que a situación asistencial non o requira", constatou, tras lembrar que Galicia xa apostou hai tempo por unha "hostalería segura" con medidas de ventilación específicas, así como o uso da máscara e a distancia de seguridade.
Ademais, puntualizou que para a ampliación da solicitude do certificado covid sería necesaria a autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), polo que habería que facer "un traballo previo" e a Xunta, non traballa "en clave de ponte ou outras datas", senón de presión hospitalaria.
De momento, esta presión continúa en Galicia bastante por baixo da media estatal, cunha 1,97 % porcentaxe de camas covid ocupadas en hospitalización convencional e un 3,34 % en UCI, fronte ao 3,10 % e o 7,76 % respectivamente en toda España.
Este é o "principal parámetro" co que continúa traballando a Consellería de Sanidade e seguirá "vixilante", aínda que "a pesar do incremento importante do número de casos, a situación hospitalaria, de momento, é boa", afirmou o conselleiro.
O conselleiro informou de que en Galicia "non se ten constancia de ningún caso" da nova variante ómicron. Tamén puxo en valor que os servizos de microbioloxía de Galicia contan coa PCR específica para detectar a nova variante ómicron, que non precisa secuenciación como outras anteriores, e ata o momento non apareceu na comunidade.
"Temos a nosa rede propia, tanto de secuenciación como de variantes. E temos a sorte de que esta variante se detecta nunha PCR sen precisar secuenciación. Está toda a rede alerta, tanto a esta variante como a outras"
Coa incidencia acumulada en 203 casos por cada 100.000 habitantes e a porcentaxe de positividade hoxe por riba do 7%, en Saúde Pública traballan ademais no deseño dun modelo matemático para saber cando será o pico de contaxios e o de hospitalizacións. Un modelo que debe recoller os avances continuos na vacinación e a influencia directa que ten no desenvolvemento de síntomas graves da enfermidade. Polo de agora, piden dimensionar os datos de hospitalización: temos hoxe arredor da décima parte de hospitalizados dos que habia no pico do pasado xaneiro.
"Estamos a falar de 28 pacientes en UCI e, se analizamos por áreas, estamos a falar de catro ou seis. E con esas cifras, dous ingresos cambian completamente a porcentaxe"
Segundo os datos de Saúde Pública, a covid non ocupa hoxe nin o 2% das camas convencionais, e pouco máis dun 3% das de UCI, moi por baixo da media de España que se sitúa no 7%.
"Non imos ir máis lonxe sempre e cando a situación asistencial non o requira. Aquí a clave é cada vez máis a ocupación das plantas e das UCI, que de momento en Galicia está nun nivel bo".
Lembra o conselleiro que aquí nunca deixaron de estar vixentes medidas que noutros países se abandonaron, como o uso de máscara en interiores. O esforzo céntrase no diagnóstico, con 50.000 probas semanais. Non están previstas polo momento novas reducións de ocupacións nin restricións á liberdade de movementos. Analizan, iso si, a extensión do uso do certificado covid a novos ámbitos, extensión que debe antes recibir a ratificación do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.