Galicia busca unha fronte común coa cornixa cantábrica para flexibilizar a PAC
Galicia busca unha fronte común coa cornixa cantábrica para flexibilizar a PAC
Galicia e as comunidades do norte vanlle pedir a Bruxelas que flexibilice as normas da política agraria común
Xuntanza de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco. Estudan unha proposta común que recolla a realidade dos que traballan o campo nestas rexións.
O Conselleiro de Desenvolvemento rural, pesca e Alimentación de Cantabria, Pablo Palencia explica que o obxectivo é "reivindicar ao ministerio de cara á revisión da PEPAC, unha serie de reivindicacións do norte de España pola peculiaridade que temos e que nos unen".
A postura galega conta co aval das organizacións agrarias, que piden unha flexibilización da normativa e reducir a burocracia. "As trabas burocráticas vense moi agravadas por circunstancias coincidentes na cornixa cantábrica. O minifundismo, a irregularidade das nosas parcelas, o tamaño das explotacións son pequenas explotacións", di o Conselleiro do Medio Rural en funcións, José González.
O sector lamenta que Europa se esqueza da forza que ten a gandería no norte e pídelle ao ministerio de Agricultura que a defenda.
Desde Unións Agrarias, o responsable de Coordinación sectorial, Félix Porto, aseguraba que "está habendo determinados avances en materia de agricultura que benefician as comunidades do sur e do centro do territorio español, pero é certo tamén que no que se refire á gandería está indo moito máis lento e que nos emprazan para darlle solución en meses sucesivos. Pero este é o momento".
"Nós non estamos en contra da lexislación europea. Nós o que pedimos é unha suspensión temporal desta normativa que estamos acreditando que en varios dos seus aspectos son de imposible ou moi complicado cumprimento para poder facer esa flexibilización", engadiu o conselleiro do Medio Rural en funcións.