Galicia vístese de Entroido
Galicia vístese de Entroido
O tempo axudou a encher de troula as rúas
O desfile de carrozas e comparsas apoderouse de Xinzo de Limia con miles de entroideiros, locais e visitantes. Nin os máis novos poden resistirse ao Entroido. Axudou o tempo seco.
O Entroido en Xinzo lévase no sangue, vívese en comunidade desde o berce nas comparsas de familia ou amigos.
A festa foi ininterrompida, con 16 horas diarias de música nas rúas. Tamén no desfile. Todo o mundo, local ou foráneo, sente que o Entroido ten sentimento e maxia.
Sentimentos que se repetían no desfile de Verín, outro punto entroideiro álxido do desfile de comparsas e charangas escoltadas polos cigarróns e onde ademais recibiron a colorida visita dos vellaróns de Castrelo de Cima en Riós coas súas chocas.
En Cobres, no concello de Vilaboa, tamén celebran o día grande do seu Entroido, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. As madamas e os galáns representaron as danzas tradicionais, e pola tarde tivo lugar un dos actos de maior expectación, a tradicional corrida do galo.
A velutina remata cada vez máis cedo coa súa hibernación e mesmo chega xa a tempo para facer das súas no Entroido de Lugo. Foi unha das protagonistas dun animado desfile en que a troula e algunhas mensaxes reivindicativas desfilaban da man.
Algúns daban certo medo, e outros traían a Lugo persoeiros doutros Entroidos galegos, a ritmo de muiñeira. Entre os participantes, moi bo humor e, sobre todo, moito enxeño. E malia que o importante, coma sempre, é participar, Meigallos foi a triunfadora entre as comparsas.
Desvergoñado, irreverente e descarado. Así é o Entroido coruñés. Este martes de Entroido é o día grande na Coruña, coa Festa Choqueira, unha celebración que ten o seu epicentro na rúa da Torre, no barrio de Monte Alto.
En Monte Alto cada ano tamén lle dedican unha placa a unha choqueira insigne. Desta volta, a homenaxada foi a Susa, que leva 50 anos animando as rúas coas súas improvisadas vestimentas.
Non faltaron tampouco disfraces e diversión en Santiago. Centos de persoas participaron no tradicional desfile de Entroido, que percorreu as principais rúas da cidade.
Do máis rechamante foi unha comparsa con máis de 250 integrantes, disfrazados de ladróns. O Concello reservou preto de 14.000 euros en premios para recompensar a creatividade e a participación cidadá na festa.