Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gallardo substituirá a Fernández Vara á fronte do PSOE de Estremadura

Gallardo substituirá a Fernández Vara á fronte do PSOE de Estremadura

Será proclamado definitivamente secretario xeral no Congreso Rexional Extraordinario previsto para o 22 e 23 de marzo

Miguel Ángel Gallardo celebra a vitoria. EFE/Jero Morales Miguel Ángel Gallardo celebra a vitoria. EFE/Jero Morales
G24.gal 03/03/2024 08:15 Última actualización 03/03/2024 10:42

O presidente da Deputación de Badaxoz, Miguel Ángel Gallardo, gañou este sábado as primarias do PSOE de Estremadura ao obter o 55,71 % dos votos e substituirá a Guillermo Fernández Vara á fronte do partido.

Un total de 9.644 persoas (9.024 militantes, 501 de Juventudes Socialistas e 119 afiliados directos) estaban chamadas a votar nunha xornada na que houbo unha participación do 77,49 %, dez puntos máis ca nas primarias de 1997.

Gallardo impúxose á vicepresidenta primeira da Asemblea e vicesecretaria rexional do partido, Lara Garlito, ao sumar 4.089 votos (55,71 %), mentres que ela obtivo o 43,34 % (3.181), co cento por cento escrutado.

O tamén alcalde de Villanueva de la Serena (Badaxoz) foi o máis votado na súa provincia, co 69,49 % (3.241 votos), e Garlito na súa, na de Cáceres, co 67,75 % (1.183). É dicir, Gallardo conseguiu na provincia de Badaxoz máis votos que Garlito en toda Estremadura.

Tras facerse públicos os resultados, os dous candidatos apareceron xuntos abrazados e riseiros, e Gallardo, xa sen o seu rival, foi recibido por moitos militantes ao berro de "presidente, presidente!".

Recobrar a confianza

Na súa intervención, Gallardo destacou a "valentía" de Garlito e que o proceso animara á militancia a recobrar a confianza da cidadanía, perdida por algúns erros cometidos nos anos de goberno, e volver gañar en Estremadura.

Avogou por traballar nun proxecto rexional forte, unha responsabilidade que asume "contento", e amosouse convencido de que Juan Carlos Rodríguez Ibarra e Guillermo Fernández Vara van sentirse "orgullosos" deste PSOE.

Por último, manifestou o seu compromiso para que o goberno da "mentira" e do "engano" do PP e Vox pase á historia nas eleccións autonómicas de 2027.

Gallardo será proclamado definitivamente secretario xeral no Congreso Rexional Extraordinario previsto para os días 22 e 23 de marzo, no que se abrirá unha nova etapa tras os 15 anos de liderado de Fernández Vara.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade