Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gómez-Reino anuncia que abandona Podemos e dá "un paso atrás de toda responsabilidade partidaria"

Gómez-Reino anuncia que abandona Podemos e dá "un paso atrás de toda responsabilidade partidaria"

O exlíder da formación morada fixo un chamamento á unidade da esquerda, xa que "a cidadanía nos quere xuntas"

G24.gal 01/02/2024 18:46

O exlíder de Podemos Galicia e exdeputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, anunciou este xoves que se desvincula de Podemos despois de militar na formación morada dende a súa creación.

A través das súas redes sociais, Gómez-Reino expuxo que "con gratitude" decidiu dar "un paso atrás de toda responsabilidade orgánica e partidaria", no mesmo día no que comeza a campaña das eleccións autonómicas.

O que no seu momento foi líder de Podemos e candidato á Xunta nas eleccións galegas de 2020 por Galicia en Común, coalición na que participaban Podemos, Esquerda Unida e Anova, tamén fixo un chamamento á unidade da esquerda, incidindo en que "a cidadanía nos quere xuntas articulando maiorías capaces de gañar".

“Sei, en todo caso, que son malos tempos para a unidade. Nin ignoro as causas nin me inhibo de responsabilidades. Pero confío na capacidade colectiva de dirixentes e militantes para, de fronte ao futuro, escoitar as aprendizaxes da historia, tamén da nosa”, engadía no texto difundido na tarde deste xoves.

Reitera, tamén, que "máis aló das lexítimas diferenzas" entre partidos, o electorado "quérenos loitando xuntas: nas aritméticas lexislativas, nas batallas culturais e nas dinámicas sociais, articulando maiorías capaces de gañar".

Gómez-Reino fai este chamamento despois de que Sumar e Podemos non alcanzasen un acordo para concorrer xuntos ás eleccións galegas do vindeiro 18 de febreiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade