Gran solidariedade en Miño coa familia da veciña que morreu no incendio que calcinou a súa casa
Gran solidariedade en Miño coa familia da veciña que morreu no incendio que calcinou a súa casa
Os veciños abriron unha conta
A vítima será soterrada este martes no cemiterio de Feáns
Conmocionados e apesarados, así continúan os veciños do lugar de Sombreu, en Miño, tras a perda de Paloma, a muller que o sábado pasado faleceu nun incendio na súa casa.
Malia os esforzos dos familiares e veciños, non se puido facer nada para liberala das lapas.
Os seus perderon todo. Quedaron só co posto e coa solidariedade dos veciños que os queren axudar en todo canto precisen, e para iso xa abriron unha conta bancaria.
Pola súa banda, o Concello cedeulles unha vivenda de alugueiro social onde xa están realoxadas dúas fillas de Paloma e os seus netos. O viúvo preferiu quedar na casa doutro fillo situada a escasos metros de onde se orixinou o lume.
A vivenda ardeu case por completo pero, ao parecer, a súa estrutura non sufriu danos. Desde o Concello pensan en botar contas para saber canto custaría rehabilitala e abrir unha conta para que os veciños poidan achegar o seu grao de area.
Paloma, de 67 anos de idade, será soterrada este martes no cemiterio coruñés de Feáns, onde os seus lle darán o seu derradeiro adeus.