Publicador de contidos
Publicador de contidos

Iberia Express cancela seis voos con orixe ou destino en Santiago pola folga de finais de mes

Iberia Express cancela seis voos con orixe ou destino en Santiago pola folga de finais de mes

As liñas afectadas son as de ida de volta entre Madrid e A Lavacolla dos próximos 28, 29 e 30 de agosto

G24.gal 26/08/2022 14:13

A aerolínea Iberia Express, filial de Iberia, cancelou 24 voos con orixe ou destino en Madrid para os próximos días 28 ao 30 de agosto, como consecuencia da folga de tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) convocada polo sindicato USO, que se estende ata o próximo 6 de setembro.

Entre eles hai seis voos que teñen orixe ou destino no aeroporto Rosalía de Castro da Lavacolla. Iberia Express sinala nunha nota que os días 28 e 29 suspenderanse un voo de ida e volta por día coas Canarias, as Baleares, Sevilla e Santiago; o día 29 un con Málaga (ida e volta) e o día 30 un voo de ida e volta en cada caso coas Baleares, Sevilla e Santiago.

A compañía suspendeu todos os voos que non están recollidos nos servizos mínimos establecidos onte polo Ministerio de Transportes, que se sitúan entre o 32 % e o 85 % dos servizos operados a ou desde Madrid.

O sindicato convocador do paro cifra en 92 as liñas con base en Madrid que se suspenderán nos 10 días para os que está convocada a folga.

Fontes da aeroliña precisan que as suspensións para partir do día 31 non se decidiron aínda pero que, en todo caso, eses 92 voos que cita USO son todos os que quedan fóra dos mínimos establecidos polo Ministerio, que non teñen porqué cancelarse todos.

A aeroliña asegura que os 3.000 clientes que calcula que se verán afectados por estas cancelacións foron xa notificados dos cambios. Un 66 % foron xa recolocados noutros voos e o 34 % está pendente de elixir a alternativa que máis lles conveña (alternativa de transporte, reembolso, cambio de data ou bonos).

A delegada de USO en Iberia Express, Estefanía Díaz, explicou aos medios que a folga podería desconvocarse se se alcanzan acordos na reunión que celebran este venres coa compañía, filial de Iberia.

O sindicato convocou aos tripulantes de cabina de Iberia Express o pasado 17 de agosto a dez xornadas de folga, que comezarán este 28 de agosto e estenderanse ata o 6 de setembro.

Con iso perseguen "desbloquear" a negociación do convenio colectivo e adecuar os seus salarios á subida do custo da vida, xa que os soldos levan conxelados desde 2015, segundo os seus datos.

A compañía busca pechar un acordo antes do inicio da folga, aínda que, segundo di, as esixencias de USO son "desproporcionadas" e supoñerían un aumento do custo salarial por encima do 26 %.

Para o período de folga convocado a compañía ten previsto operar aproximadamente 1.100 voos con orixe ou destino España, ofertando máis de 212.000 asentos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade