Publicador de contidos
Publicador de contidos

Igualdade pide un acordo co PSOE antes de debater a reforma da lei do 'só si é si'

Igualdade pide un acordo co PSOE antes de debater a reforma da lei do 'só si é si'

A modificación da norma volveu centrar a sesión de control ao Goberno

Irene Montero volve pedir unha reunión cos socialistas

G24.gal 15/02/2023 14:04

Este mércores celebrouse unha nova sesión de control ao Goberno e a lei do 'só si é si' volveu situarse no centro do debate.

O PP volveulle ofrecer, sen éxito, os seus votos para convocar un pleno extraordinario o 23 de febreiro. "As súas urxencias non teñen nada que ver coas urxencias dos españois", díxolle a voceira popular ao xefe do executivo.

Cuca Gamarra afeoulle ao presidente que tivese "tanta présa para eliminar o delito de sedición e desprotexer o Estado" e, pola contra, "tanta parsimonia para mitigar os efectos máis perniciosos da súa lei do 'só si é si'".

Respondeulle Pedro Sánchez asegurando que "cando hai unha equivocación, afanámonos en resolver ese problema" e acusando o PP de estar "sempre cos de arriba".

Tamén compareceu a ministra de Igualdade: no hemiciclo, confrontando coa oposición; nos corredores, co socio de Goberno. Di Irene Montero que o PSOE non ten en conta as "máis de seis" propostas que lles enviou e que non responden á súa solicitude de reunión.

A ministra asegura "non entender porque non queren sentar" e insta os socialistas a chegar a un acordo "xa, antes de que a proposición que presentou o PSOE se poida debater neste pleno".

Respondeulle a titular de Facenda, encargada, xunto co ministro Félix Bolaños, das negociacións no Congreso. Para María Jesús Montero, "pódense mandar moitas propostas, nas que un o que fai é contabilizar máis para o relato que para realmente intentar solucionar o problema".

Tamén os socios da investidura piden un acordo previo dentro da coalición. Volveu pedilo o voceiro de ERC, Gabriel Rufián, nos corredores do Congreso. Pero, polo momento, o diálogo entre os socios semella estancado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos