Impotencia no concello de San Amaro polos continuos ataques do lobo
Impotencia no concello de San Amaro polos continuos ataques do lobo
Un gandeiro decide doar as súas ovellas e abandonar a actividade logo de tres ataques nos que perdeu trece animais
Os afectados piden menos burocracia e medidas que fagan compatible a conservación do lobo coa vida no rural
No concello ourensán de San Amaro, un gandeiro tira a toalla e desfaise das súas ovellas. Esta semana sufriu o seu terceiro ataque do lobo, que lle matou tres animais. Neste concello a súa presenza é tan habitual que ata é posible gravalo sen problema.
O ataque produciuse esta semana e morreron tres ovellas. Foi o último dos varios que xa sufriu un gandeiro do lugar de Eiras nos que perdeu en total trece animais. A perda esgotou a paciencia do criador. Así que decidiu doar as cabezas que lle quedaban e abandonar a cría de gando.
"A verdade é que estou canso, moi canso. Decidín darllas a un amigo de Gondomar, e así quedo máis tranquilo, porque sei que o lobo vai volver", comenta José Astro, bastante desanimado. O gandeiro denuncia tamén a burocracia e os atrasos en recibir as compensacións da Administración.
Uns veciños lograron gravar o lobo intres despois do ataque nas inmediacións do prado de José.
"Notábase que ía bastante enchido e farto, de feito unha ovella comeuna enteira, non deixou nada".
A Pilar, que cría con todo mimo as ovellas para que lle limpen o viñedo que ten en Sabariz, o lobo causoulle un masacre no rabaño que daquela contaba con máis de medio cento de cabezas.
"En dúas horas matou dezaseis ovellas, e varias crías, e os abortos que viñeron despois", conta.
Os afectados denuncian desprotección ante o lobo, a quen atribúen os ataques, e din que aumentou a súa presenza nos últimos anos nos montes de San Amaro.
Piden menos burocracia na tramitación das indemnizacións e máis medidas que fagan compatible a conservación do lobo coa actividade gandeira que sostén a vida no rural.