Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde nun incendio unha suposta narcocasa de Ribeira

Arde nun incendio unha suposta narcocasa de Ribeira

O lume orixinouse na cociña e non provocou danos persoais

Fachada da vivenda, na rúa Romero Ortiz
G24.gal 13/04/2023 14:35

O lume orixinouse pola noite na cociña, e alertou os veciños pola gran cantidade de fume que saía pola fiestra. É unha vivenda en estado ruinoso, considerada un punto de venda e consumo de drogas. 

"Escoitamos as sirenas e xa vimos que era esta casa de venda polo miúdo, que estaba ardendo", conta un veciño. Di que non era a primeira vez que arde, "nin será a última", afirma. 

Os bombeiros deron por extinguido o lume en pouco máis dunha hora, e os danos concentráronse na planta baixa da vivenda. Polo estado do inmoble, con varios puntos sostidos con puntais, o risco de colapso é grande.

No momento do incendio non había ninguén dentro, e a Policía Local deixouna precintada para evitar que entrasen. Din que xa foron varias as incidencias que tiveron que atender nesta casa da rúa Romero Ortiz.

Os veciños contan que en canto quedou extinguido o incendio, racharon o precinto policial e volveron entrar na casa. Na veciñanza esperan que o Concello complete o proxecto que ten previsto para adquirir e derrubar esta vivenda e outro inmoble abandonado na mesma rúa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade