Indemniza con 34.980 euros a exmuller por facer as tarefas do fogar
Indemniza con 34.980 euros a exmuller por facer as tarefas do fogar
O Código Civil recolle compensacións no caso de parellas casadas en réxime de separación de bens
A xustiza estableceu que unha muller de Redondela reciba 34.980 euros do seu exmarido polo tempo que dedicou ás tarefas do fogar durante o matrimonio. O Código Civil di que o traballo da casa dá dereito a obter unha compensación económica en caso de separación, pero só no caso das parellas casadas en réxime de separación de bens.
"Establécese un requisito fundamental: a dedicación ao traballo para o fogar ten que ser exclusiva, non o podes compatibilizar con traballo remunerado. Neste caso o matrimonio durou máis de trinta anos e houbo moito tempo en que a muller traballou fóra da casa. Entón neses períodos non se puido solicitar", di Rocío Sío, a avogada da demandante.
"Isto vai ser habitual a partir de agora, porque agora as parellas cando casa pactan un réxime de separacións de bens, pero ata o momento a gran maioría estaban en liquidación de gananciais, co cal xa non era aplicable ese artigo do Código Civil', explica a avogada Lourdes López Fernández.
A lei equipara nalgúns casos as tarefas domésticas con traballar nun negocio familiar. Estima que o que non é o titular do negocio ten un prexuízo, porque moitas veces nin están cotizando nin cobrando un soldo.