Iniciativa da sociedade civil para prohibir o uso do móbil aos menores de 12 anos
Iniciativa da sociedade civil para prohibir o uso do móbil aos menores de 12 anos
Decisión dos habitantes dunha vila irlandesa para protexer a súa cativada dos perigos dos smartphones
"Estamos tendo nenos cada vez máis novos hiperestimulados e despois é moi difícil que poidan coller un libro ou que poidan pararse a facer outro tipo de cousas", explica Antonio Rial, profesor de Psicoloxía da USC
"Sempre é todos poden, todos teñen, todos queren, e eu porque non, eu non podo ser diferente....", conta unha señora.
Trátase xa dun problema de saúde pública. En xogo está a exposición dos menores a novas formas de adicción que teñen que ver coas apostas, cos videoxogos e coas redes sociais. O acceso aos móbiles a idades temperás trae consecuencias.
"Peor benestar emocional, máis taxas de depresión e peor convivencia, nos centros educativos por suposto e tamén a nivel familiar", apunta Antonio Rial, profesor de Psicoloxía da USC.
"E sobre todo que atopan información que en moitos casos non saben nin deben procesar", continúa a señora.
As consultas de psicoloxía énchense de pais que buscan información.
"Porque non entenden máis ou menos que é o que está ocorrendo cos seus fillos, pois temas de irascibilidade, de condutas totalmente disruptivas que se ataques de ira na casa, que se damos portazos, tiramos cousas, insultos...", informa Amanda Roux, psicóloga sanitaria especialista en condutas aditivas.
Os expertos recomendan poñer límites:
"Ao último deillo aos 15 anos, e non lle pasou nada por estar sen teléfono ata os 15 anos, e logo á noite teñen que darmo ás once e media", conta unha nai.
"Ten que haber unha observación por parte dos pais, ten que haber unha especie de rexistro, de acordo, non pode ser que todo valla", conclúe a psicóloga.
Toda esta problemática que é global e que é o principal motivo de conflito en todos os fogares, é a que motivou os habitantes dunha cidade irlandesa a tomar unha decisión drástica. Elaboraron un código de uso dos smartphones e todos os menores de 12 anos teñen prohibido o uso do teléfono móbil.