Interceptan en Poio un ciclista e unha persoa en patinete que dan positivo en drogas
Interceptan en Poio un ciclista e unha persoa en patinete que dan positivo en drogas
Ademais os axentes da Policía Local incautáronse de substancias prohibidas e inmobilizaron o patinete polas modificacións que presentaba
Axentes da Policía Local de Poio localizaron na zona de San Salvador tres persoas na vía pública, dous deles en bicicletas de montaña e o outro sobre un patinete eléctrico, que "estaban a circular de xeito temerario".
Someteron os tres ás probas de alcol e drogas e dous deles deron positivo no segundo test. "Levaban substancias prohibidas que lles foron requisadas", din os axentes.
Tamén procederon á inmobilización do patinete, xa que presentaba "modificacións graves que comprometen a seguridade viaria e a do propio piloto". Os axentes procederon a denunciar os dous homes por circularen baixo os efectos das drogas no organismo, por posesión de substancias prohibidas e por circularen de xeito temerario con risco de causar accidentes.
Os feitos sucederon o día 27 de xuño na zona de San Salvador en Poio. A Policía Local lembra que se deben de respectar as normas básicas para desprazarnos de xeito seguro á hora de utilizar un vehículo de mobilidade persoal ou unha bicicleta.
Destaca que son vehículos, polo que teñen que circular pola estrada; non se poden empregar auriculares, móbiles nin ningún outro dispositivo como condutor, hai que cumprir a lei de seguridade viaria, tamén en alcol e outras drogas; e en caso dun accidente o casco pode salvar a vida ou evitar lesións graves na cabeza.