Inusual parto de trixemelgos nunha explotación gandeira de Trabada
Parrula só ten dous tetos logo de sufrir unha mastite, pero os tres xatos, dous machos e unha femia, comparten e complementan con algo de biberón
A probabilidade entre o gando bovino de ter trixemelgos é extremadamente baixa
Parrula, unha vaca rubia de Trabada, acaba de encher de sorpresa e alegría a explotación na que está logo de parir trixemelgos.
"Contabamos que fose dobre, porque a vaca tiña moita barriga, pero a sorpresa foi que, despois de saír dous, o veterinario dixo que había outro", explica a dona dos animais Rosa Gómez.
Foi sorpresa pola cantidade, pero tamén incerteza polas circunstancias. Parrula só ten dous tetos logo de sufrir unha mastite, pero os tres xatos, dous machos e unha femia, comparten e complementan con algo de biberón. Todos están ben e reciben agarimos extra para saír adiante.
"Foi unha sorpresa, porque dixen: como vai criar a vaca tres xatos se só ten dous tetos útiles por unha mastite? Xa leva así dous ou tres partos, e criaba os xatos perfectamente, pero, claro, agora a estes tres hai que darlles un suplemento, e cando medren máis".
A probabilidade entre o gando bovino de ter trixemelgos é extremadamente baixa. Agora celébrana aquí por vez primeira, pero ao que xa están acostumados é a partos dobres. Din que todo vén da xenética de Rubia, unha vaca da que proceden todos os animais cos que conta agora a explotación e onde cando ano hai algún parto dobre.
"Comprei unha vaca que a señora que ma vendeu xa me dixera: cando che paira, fíxate que a min xa me trouxo dous! E, efectivamente, tivo razón, e eu, como seguín criando dela, de aí vén a xenética, e teño moitos partos dobres", conta Rosa Gómez, a dona dos animais.
Agora Rosa ten pendente rexistrar os animais na extensión agraria, dado que a aplicación para tal fin non recolle a posibilidade dun parto de trixemelgos e ten aínda por diante outra tarefa, buscarlles nome a estes tres xatos.