Investigan o segredo da lonxevidade da xente do rural ourensán
Investigan o segredo da lonxevidade da xente do rural ourensán
A provincia de Ourense conta con 391 persoas con 100 ou máis anos, é a provincia máis lonxeva do estado español
Un equipo de investigadores en colaboración coa Universidade de Vigo está a realizar un estudo sobre os factores que expliquen a longa vida dos ourensáns
Parten da hipótese de que a vida no rural favorece unha maior calidade de vida
A longa vida dos ourensáns comeza a ser estudada polos científicos que buscan unha explicación a por que hai tanta xente con máis de 80 anos e que mesmo chega aos cen anos e en moi boas condicións. Un equipo de investigadores está a facer un estudo e parten da hipótese de que o medio rural favorece unha mellor calidade de vida.
Estes días un equipo de investigadores que traballa en colaboración coa Universidade de Vigo percorre as aldeas dos concellos da comarca de Terra de Celanova.
Tratan de descubrir o segredo da súa lonxevidade, porque esta comarca xa superou a taxa de persoas centenarias do arquipélago xaponés de Okinawa, considerada a zona que ten máis persoas de cen ou máis anos de todo o mundo.
E a provincia de Ourense con 391 persoas é xa a provincia de todo o estado español con máis persoas centenarias.
"O motivo de durar tanto, non se sabe", di Manuel Nogueiras, veciño do concello ourensán de Verea que ten 84 anos.
Esa é a resposta que buscan por primeira vez os investigadores dunha fundación de desenvolvemento sostible e a Universidade de Vigo, cal é o segredo da longa vida dos ourensáns.
"Estamos descubrindo de porqué hai zonas azuis, os factores individuais, sociais e ambientais que favorecen a saúde que promoven o benestar da xente maior", explica Javier Montalvo, profesor de Ecoloxía da Universidade de Vigo e coordinador do programa MAYORSIG.
"Partimos da hipótese de que o medio rural favorece a calidade de vida e iso fai que chegue a unha maior lonxevidade a poboación que vive no rural", di Verónica González, coordinadora do proxecto de investigación da Fundación Matrix de Desenvolvemento Sostible.
Para iso están a facer enquisas entre a poboación maior de 80 anos nas aldeas dos concellos da provincia de Ourense xa levan máis de 300 e buscan factores sociais, ambientais, ou hábitos físicos ou alimentarios.
E moita xente como a Rosa con máis de 80 anos segue vivindo soa, traballando na horta e é totalmente autónoma.
Esta investigación vaise estender tamén a todo o noroeste onde os investigadores din que se vive máis anos e mellor.