Investigan presuntos abusos sexuais a unha nena de Granada por compañeiros de colexio
Investigan presuntos abusos sexuais a unha nena de Granada por compañeiros de colexio
Os abusos cometeríanse no interior de centro de ensino
A familia da vítima descubriuno ao detectarlle en urxencias "irritación e dor" na zona vaxinal
Os presuntos agresores foron cambiados de centro e Educación abriulles un expediente
A Policía Nacional investiga a denuncia presentada pola familia dunha nena de pouca idade por un posible caso de abuso sexual, presuntamente por parte doutros alumnos dun centro educativo de Granada capital.
Segundo informaron a EFE fontes da Policía Nacional, os feitos denunciados producíronse no interior dun centro educativo, e tanto a vítima como os seus agresores son menores.
O Grupo de Menores da Policía Nacional encárgase do caso que, segundo adiantou o xornal Ideal de Granada, circunscríbese a un centro con alumnos de entre 3 e 12 anos e activouse cando a nai da vítima a levou a urxencias o pasado outubro por "irritación e dor" na zona vaxinal.
Aínda que nunha primeira revisión non lle viron lesións, a nena describiu semanas despois o que parecían abusos doutros estudantes do colexio, polo que a familia volveu a urxencias, onde se activou o protocolo xudicial.
O subdelegado do Goberno en Granada, José Antonio Montilla, explicou este mércores a preguntas dos xornalistas que a denuncia se formalizou hai "un par de meses".
As indagacións practicadas ata o momento céntranse en tres menores que, ao non teren 14 anos, son inimputables.
Segundo a Junta de Andalucía, os presuntos agresores foron cambiados de centro e teñen aberto un expediente ata que finalice a investigación.
O caso está en mans da Fiscalía de Menores.