Investigan quen conducía un coche que deixou danos de máis de 3.000 euros en Porto do Son
Investigan quen conducía un coche que deixou danos de máis de 3.000 euros en Porto do Son
As circunstancias en que se produciu unha saída de vía, en noite de temporal nunha zona con poucos residentes, axudaron a que dez días despois do sinistro non se saiba quen conducía o coche
Dúas da maña, entre vento e chuvia fortes, nun lugar de Porto do Son en que poucas vivendas hai habitadas nesta época. Son as circunstancias que envolveron a saída de vía de, supostamente, un todo terreo. E este pormenor tamén contribuíu a que dez días despois, isto foi o pasado 28, non se saiba tampouco quen ía ao volante.
As pegadas do sinistro indican que circulaba en sentido Porto do Son a unha velocidade excesiva que o botou da estrada pola marxe esquerda á entrada dunha curva non moi pronunciada. Na súa traxectoria, o vehículo levou por diante o poste dun espello que guindou a uns vinte metros. O coche foi uns metros polo aire ata que bateu contra o muro dunha leira e co piar do portal de acceso á vivenda.
A súa propietaria, residente fóra de Galicia, informou de que o custo da desfeita pasa dos tres mil euros. Tamén dixo que no lugar quedaron algúns restos plásticos dun todo terreo gris, que foron retirados días despois polos investigadores da identificación do coche e chofer.