Publicador de contidos
Publicador de contidos

IPC: datos actuais e posibles escenarios, por María Loureiro

IPC: datos actuais e posibles escenarios, por María Loureiro

O BCE pode subir as taxas de xuros este xoves cunha probabilidade do 30 ao 40 %

G24.gal 13/09/2023 08:11

De acordo cos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a taxa de variación anual do IPC do mes de agosto sitúase no 2,6 %, tres décimas por encima da rexistrada en xullo.

Este aumento de prezos interanual débese fundamentalmente ao comportamento clave de varios sectores, destacando o sector transporte, que sitúa a súa taxa de aumento de prezos no 1,2 %, que se debe á subida dos prezos de carburantes e lubricantes para vehículos persoais.

Segue por orde de importancia o sector de alimentos e bebidas non alcohólicas, cunha subida importante do 10,5 %, pero aínda así un pouco menor que a do ano anterior.

Neste último ano subiron especialmente os prezos da carne e do pan e cereais respecto a agosto de 2022, e houbo un aumento moi significativo nos últimos meses experimentado por aceites e graxas, en especial o aceite de oliva.

Tamén é destacable o aumento de prezos no sector de hoteis, cafés e restaurantes, cunha taxa do 6,4 %. Pola súa banda, entre os grupos con influencia negativa destacan a electricidade, que diminúe o seu prezo, ata o –18,0 %. Este comportamento é debido, principalmente, a que a subida dos prezos da electricidade é menor que a rexistrada no mesmo mes de 2022. Cabe sinalar, aínda que en sentido contrario, a subida dos prezos dos combustibles líquidos fronte á baixada de agosto do ano pasado.

Con todo, excluíndo enerxía e produtos primarios, a taxa de variación anual da inflación subxacente é do 6,1 %, situando a súa diferenza co IPC xeral en tres puntos e medio.

Nunha análise máis a curto prazo, se estudamos esta evolución dos prezos en agosto con respecto ao pasado mes de xullo, os grupos con maior repercusión mensual positiva na taxa do IPC (+0,5) son os que corresponden con gastos especialmente estivais: transporte, cunha taxa do 2,9 %, debida á suba dos prezos dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais; lecer e cultura, cuxa variación do 0,9 está causada, fundamentalmente, polo incremento dos prezos dos paquetes turísticos; hoteis, cafés e restaurantes, que presenta unha variación do 0,3 % debida á subida de prezos da restauración, e alimentación e bebidas non alcohólicas, cunha variación do 0,2 % e unha repercusión de 0,037.

Este comportamento é debido, principalmente, ao aumento dos prezos dos aceites e graxas, dos legumes e hortalizas e, en menor medida, do peixe e marisco e da carne. Cabe sinalar, aínda que en sentido contrario, a baixada dos prezos da froita. Pola súa banda, entre os grupos con repercusión mensual negativa destacan: gastos en vivenda, que presenta unha variación do –0,2 %, consecuencia da baixada de prezos do gas e vestido e calzado, cunha taxa do –0,6 % debida aos descensos de prezos propios do final do período de rebaixas de verán. 

Estes datos comparados co resto de Europa ofrecen en certa medida unha evolución máis positiva na carreira de contención de prezos, pois o IPC medio na UE en xullo 2023 é do 5,3 % (fronte ao 2,6 % en España), onde países tan serios e cautelosos na súa política económica como Alemaña ou Austria rexistran taxas do IPC interanual do 6,4 % e 7,6 % respectivamente.

Medidas do BCE

As expectativas futuras da evolución de prezos terá consecuencias sobre as posibles actuacións do Banco Central Europeo (BCE), con posibles subidas de tipos, e á súa vez, outras consecuencias derivadas sobre o crecemento económico.

O BCE atópase nunha seria encrucillada, onde terá que sopesar a necesidade de seguir controlando prezos para conservar o poder adquisitivo ou poder de compra, fronte á necesidade de seguir aumentando o crecemento económico e a xerando investimentos propicios e apoiados en baixos tipos de interese.

Todas as expectativas están postas na próxima reunión do BCE mañá xoves 14 de Setembro. Os analistas esta vez non ven claro que o BCE siga subindo os tipos, pois ten que sopesar a posible recesión europea cunha nova suba de tipos de interese. 

Na actualidade, na zona euro, o tipo de interese marcado polo BCE é de 4,25 %, e o Euribor pechou agosto no 4,072 %. Se o BCE sobe mañá os tipos, tamén subirá o Euribor, o que fará que as nosas hipotecas se encarezan na próxima renovación e dificultará o crédito empresarial.

O aumento do tipo de interese afecta de forma negativa o número de hipotecas e compras de vivendas. En España, a firma de hipotecas caeu nun 14 % os seis primeiros meses do ano, a pesar de ter os intereses máis altos desde 2017, o que demostra a resiliencia do sector, grazas tamén a creación de novos produtos (hipotecas flexibles) que facilitan o crédito.

Pero o preocupante son as macromagnitudes, que comezan a mostrar desaceleración nalgúns países. Debemos lembrar que a variación interanual do PIB en Alemaña foi do -0,1 %, o que apunta a unha recesión técnica, mentres que en España a evolución foi do 1,8 % para o mesmo período.

De acordo a Reuters, os analistas estiman que o BCE pode subir os tipos cunha probabilidade do 30-40 %, o que implica que hai máis consenso cara á non subida de tipos para aguantar o crecemento nos niveis actuais.

Agora ben, se setembro non é un bo mes para subir os tipos de interese, considerando que a inflación na zona euro anda polo 5,3 % e se afasta moito do 2 % obxectivo, todo parece indicar que outubro ou novembro non necesariamente serán mellores meses en termos de crecemento económico.

Agora ben, aínda que non mellores meses desde a perspectiva económica, si serán quizais condicións aínda máis necesarias de actuación, e máis doadas de xustificar a todos, xa que algunhas tendencias que vemos nos prezos actuais (como a subida de combustibles) pode acrecentarse a comezos de inverno pola demanda de calefacción, facendo imprescindible a actuación do BCE para que a UE non perda toda posibilidade de controlar a inflación no curto prazo. En fin, aínda que non suban os tipos mañá, todo parece indicar que o farán proximamente…

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade