Publicador de contidos
Publicador de contidos

Isidro Lago: "A persoa que queira cambiar de sexo debe dispoñer de informes médicos que avalen a súa decisión"

Isidro Lago: "A persoa que queira cambiar de sexo debe dispoñer de informes médicos que avalen a súa decisión"

O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos Isidro Lago Barreiro defende a creación de equipos sanitarios interdisciplinarios que avalíen a madurez das persoas, especialmente dos menores, que solicitan o cambio de sexo

Nunha entrevista na Radio Galega, Isidro Lago asegura que a petición de informes médicos esta na liña das normativas de países como Alemaña, Bélxica, Dinamarca ou Irlanda

G24.gal 03/11/2022 10:28

Os Colexios de Médicos piden que a lei trans que se tramita no Congreso obrigue as persoas que queiran cambiar de sexo a dispoñer de informes sanitarios favorables.

O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, o xinecólogo Isidro Lago, propón a creación de equipos interdisciplinarios con persoal sanitario, psicólogos e psiquiatras que avalíen se as persoas, especialmente as menores, que solicitan cambiar de sexo están suficientemente maduras para tomar esa decisión.

"Para a autodetermincación de xénero é moi importante dispoñer de informes de psicólogos e psiquiatras que poidan dar luz a un cambio de sexo nunha persoa que ao mellor non é madura totalmente. É un cambio tan radical e moitas veces irreversible que eses informes son fundamentais para garantir que todo se poida realizar cos máximas garantías".

Isidro Lago asegura que as persoas que solicitan cambiar de sexo deben someterse a un procedemento regulado de avaliación médica.  

"O que habería que facer é establecer equipos multidisciplinares e que haxa un mecanismo normalizado para que unha persoa que non teña clara a situación da súa identificación sexual poida chegar a bo fin".

Lago considera que unha decisión tan importante para unha persoa como a do cambio de sexo debe tomarse coas máximas garantías, sen expoñerse á posibilidade de problemas psicolóxicos posteriores. 

"Agora mesmo, co anteproxecto que hai neste momento, aos 16 anos poderías cambiar de sexo despois dun periodo de reflexión de tres meses. Creo que son cambios moi bruscos na vida dunha persoa que poden levar a que nun futuro teñas un problema psicolóxico moi importante. No caso en que se vexa esa madurez, pois que se realice, non hai dúbida ningunha".

O presidente do Consello Galego de Colexios Médicos apoia a súa postura na lexislación doutros países europeos que esixen informes médicos ás persoas que solicitan cambiar de sexo. 

"A postura da Organización Médica Colexial vai na liña da lexislación vixente en Alemaña, Bélxica, Dinamarca ou Irlanda, onde se esixe a intervención dun xuíz e de informes sanitarios elaborados por equipos interdisciplinares".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade