Islandia prepárase para unha inminente erupción volcánica que podería destruír a cidade de Grindavík, xa evacuada
Islandia prepárase para unha inminente erupción volcánica que podería destruír a cidade de Grindavík, xa evacuada
A alerta laranxa activada polas autoridades islandesas en terra afecta tamén o espazo aéreo
Islandia está en estado de emerxencia pola inminencia dunha erupción volcánica no suroeste da illa que ameaza con destruír a pequena cidade costeira de Grindavík, xa evacuada.
Cinco minutos. É o tempo do que dispuxeron os veciños de Grindavík para regresaren aos seus fogares e recoller o imprescindible.
Esta pequena localidade da costa islandesa, no suroeste da illa, foi evacuada o sábado despois de que o incremento da actividade sísmica na zona fixese temer unha inminente erupción volcánica.
“Estamos desesperados, paralizados e tristes. Se pensas no tempo e enerxía investida en construír a túa casa, é simplemente triste”, di Hans Wierer, veciño de Grindavík.
Un vídeo do servizo de estradas local mostra gretas xigantes nas rúas da cidade que non paran de estenderse. Están provocadas polo río de magma que flúe baixo a superficie e que non se sabe por onde aflorará.
“Estamos esperando. Os científicos din que temos moitos sinais. É un perigo, estámolo esperando, pero non sabemos cando nin onde”, di Hermundur Gustavsson, oficial da policía islandesa.
A alerta laranxa activada polas autoridades islandesas en terra afecta tamén ao espazo aéreo.
En 2010 a erupción doutro volcán islandés obrigou a cancelar máis de cen mil voos entre Europa e América do Norte, causando perdas estimadas polas compañías aéreas en case 3.000 millóns de euros.