Jácome anuncia "roldas de comprobación" das xornadas dos funcionarios
Jácome anuncia "roldas de comprobación" das xornadas dos funcionarios
O alcalde de Ourense di el en persoa, ou alguén do seu equipo, fará as comprobacións e que abrirá expedientes a quen non cumpra
O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo este mércores unha reunión na Sala de Plenos co persoal responsable das xefaturas de servizos do Concello, na que advertiu de que se comprobará que se cumpran as xornadas laborais e que abrirá expedientes a aqueles empregados que non o fagan, así como aos seus xefes de servizo.
O motivo da reunión era lembrarlles que esta semana está vixente o horario regular do Concello, de 37,5 horas semanais, que, con carácter xeral, é de 7:45 a 15:15 horas (fóra dos días entre o 15 de xuño e o 15 de setembro pola tempada estival, que ten redución horaria).
Tras destacar este cambio, o alcalde advertiu de que todo o persoal do Concello deberá cumprilo e que as xefaturas de servizo teñen "a responsabilidade" de que o persoal "subordinado" así o faga.
En concreto, Pérez Jácome asegurou que será o alcalde en persoa, el mesmo, ou persoal do seu equipo, quen se encargará de realizar "roldas de comprobación de cumprimento dos horarios" todos os días, e que abrirán expedientes tanto ao persoal que non o faga como ao seu respectivo xefe como responsable.
Así mesmo, o alcalde adiantou que se negociará cos sindicatos que o Concello teña un horario unificado durante todo o ano, aínda que explicou que "hai unha dúbida" pendente de resolver. Trátase da media hora de descanso durante a xornada laboral á que os traballadores teñen dereito por lei.
"Os sindicatos din que se un traballador non a usa podería entrar media hora máis tarde ou saír media hora antes, nós discrepamos", manifestou Pérez Jácome, sinalando que a "filosofía" do descanso "non é marchar antes, senón descansar e que a produtividade non se vexa afectada".
Nesta liña, resaltou que "chama a atención" que os sindicatos "non recoñezan ese dereito ao descanso, que reivindican habitualmente, e que agora sexan tremendamente liberais con esa media hora".