José Manuel Rey Varela: "Ferrol contará cuns orzamentos nos primeiros cen días de mandato"
José Manuel Rey Varela: "Ferrol contará cuns orzamentos nos primeiros cen días de mandato"
O futuro alcalde da cidade departamental destaca que a maioría absoluta que conseguiu o pasado domingo traerá estabilidade despois de oito anos de executivos en minoría
O futuro alcalde de Ferrol, o popular José Manuel Rey Varela, avanza nunha entrevista no Galicia por diante que aprobará os orzamentos da cidade nos primeiros cen días de mandato.
"Os ferroláns o que merecen é eficacia, o que merecen é que desde o primeiro día poidamos plasmar os nosos compromisos no documento económico máis importante da cidade, que son os orzamentos. Ferrol leva oito anos empezando o ano sen orzamentos e non podemos perder o 2023", apunta.
O candidato do PP explica que serán unhas contas que contribúan "á recuperación económica e á xeración de emprego". Ademais avanza que "incrementaremos os recursos humanos do concello para atender mellor ós veciños" e compromete unha reorganización administrativa para reducir o prazo de emisión de licenzas para que se aproben "en tres meses". Por outra banda, explicou que os orzamentos recollerán un plan de atención ás familias e ós maiores.
Rey Varela apuntou que, entre os retos, está o de desenvolver o convenio con Defensa, modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, dar facilidades para a rehabilitación de vivendas e recuperar o proxecto para abrir Ferrol ao mar.
"Ferrol perde poboación e liderado e temos que utilizar os instrumentos urbanísticos. Co reto do PXOM e da reorganización administrativa o que queremos é dar facilidades e facer da cidade un lugar atractivo onde vivir. Temos que convencer a xente de que Ferrol é un bo lugar para traballar, para vivir, para que os nenos teñan a mellor educación e un bo lugar para facerse maior", apuntou.
Rey Varela reivindica a maioría absoluta obtida porque "dará estabilidade ao concello tras oito anos de enfrontamentos entre partidos". Con todo, tende a man ao resto de partidos e di que "os galegos e ferroláns o que desexan é representantes públicos que busquen acordos, non enfrontamentos. Eu aspiro a construír consensos desde a maioría porque desde a minoría non funcionan".
Comparte a decisión de non adiantar os comicios galegos
O candidato do PP comparte a decisión da Xunta e líder do PPdG, Alfonso Rueda, de non adiantar os comicios galegos para facelos coincidir coas eleccións xerais do 23 de xullo.
"Galicia está en boas mans e, polo tanto, o que temos é que seguir traballando como nos indicou Rueda. As urxencias de Sánchez por tapar o incremento de confianza dos españois no PP non poden ser as urxencias de Galicia. Nós temos un Goberno a pleno rendemento. O que non pode ser é que unha decisión destas características veña frear a recuperación ecónomica, social e de emprego que se está a producir en Galicia. As xerais serán unha gran oportundiade porque podemos ter na Moncloa un presidente do Goberno de España totalmente comprometido con Galicia", apuntou.
Ao preguntarlle sobre posibles pactos entre PP e Vox, que precisarán os populares para se facer co bastón de mando en boa parte das autonomías e nalgúns concellos, Rey Varela apunta que "a min gústame falar con datos e realidades e ese partido non ten representación en ningunha das cidades de Galicia".