Juan Vieites: "Galicia non sae gañando coa falta de orzamentos xerais do Estado"
Juan Vieites: "Galicia non sae gañando coa falta de orzamentos xerais do Estado"
O presidente da CEG augura "conflitos políticos na repartición de recursos" se prospera o modelo de financiamento singular reclamado por ERC para Cataluña
O presidente da patronal galega alerta de "consecuencias de extrema gravidade" se se mantén o bloqueo xudicial a eólica
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia -CEG-, Juan Vieites, alerta nunha entrevista na Radio Galega dos prexuízos que na súa opinión ten a falta de orzamentos xerais do Estado para este ano para o tecido socioeconómico galego.
No Galicia por diante fin de semana, avisa que a falta de orzamentos estatais xera un clima de "incerteza" tanto política coma económica que pode atrancar a toma de "decisións estratéxicas". Para Vieites, "Galicia non sae gañando se hai esta falta de Orzamentos Xerais do Estado" e di que "impacta de maneira significativa".
"Non só impacta na estabilidade política e económica senón tamén repercuta na confianza e no desenvolvemento do sector empresario".
Juan Vieites tamén opina negativamente da reclamación de Esquerra Republicana dun financiamento particular para Cataluña. O presidente da patronal galega considera que pode xerar "algunhas tensións" na solidariedade interterritorial e "desequilibrios financeiros entre as comunidades autónomas" e non desbota que haxa que acometer "axustes significativos do sistema fiscal español" para que se poida acometer e opina que a súa "viabilidade é incerta"
"Podería xerar -dende o noso punto de vista -algunhas tensións na solidariedade interrexional e desequilibrios financeiros entre as comunidades autónomas".
Stellantis Vigo e enerxía eólica
O presidente da patronal tamén urxe que se mobilicen os fondos europeos reclamados por Stellantis Vigo para que poidan desenvolverse os "proxectos que ten enriba da mesa", logo de transcender que o Goberno decidiu outorgarlle outros 54 millóns de euros en axudas do PERTE da automoción á fábrica de Stellantis de Figueruelas, en Zaragoza,
"É unha necesidade importantísima que eses fondos cheguen a Stellantis".
Outra das preocupacións expresadas polo presidente da patronal galega en materia empresarial é o desenvolvemento da enerxía eólica en Galicia. Na opinión de Vieites, as últimas decisións xudiciais están xerando "incerteza" e alerta que "as consecuencias poden ser de extrema gravidade para o tecido empresarial galego e para o seu futuro".