Junts e Podemos arrefrían as expectativas do Goberno para sacar adiante os presupostos
Junts e Podemos arrefrían as expectativas do Goberno para sacar adiante os presupostos
O PSOE comprométese cos socios parlamentarios de esquerda a prorrogar o imposto ás enerxéticas, pero non ten o apoio nin de Junts nin do PNV
Os de Puigdemont aumentan a presión sobre o Goberno. Empezaron a semana pedíndolle a Sánchez unha moción de confianza e este mércores advertíronlle que non haberá presupostos xerais se non cumpre con Cataluña.
"Movan o cu e paguen o que lles deben aos cataláns", di Miriam Nogueras, como condición para empezar a negociar as contas públicas.
Non é o único atranco. Podemos tamén esixe cumprir o pactado co PSOE e restablecer o imposto ás enerxéticas. O Goberno comprometeuse cos socios parlamentarios de esquerda a aprobar un drecreto lei para prorrogalo, nunha reunión á que non asistiron nin Junst nin o PNV, polo que, de momento, non ten os votos garantidos para convalidalo.
Ione Belarra, voceira de Podemos no Congreso, refírese a eles así: "Son os cachorriños de Repsol. O CEO de Repsol, Josu Jon Imaz, non lle deixa ao PNV asistir a esa reunión".
Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso, argumenta: "Para facer un paripé, que precisa Podemos, non imos participar. Para nós isto é un tema moi serio".
Con estes vetos cruzados, Pedro Sánchez ofrece diálogo.
"O Goberno de España vai facer sempre política útil, vai cumprir cos seus acordos e imos tender a man a todos os grupos parlamentarios para logralos", di o presidente.
O PP ve a lexislatura acabada e diríxese aos socios de investidura:
"Enganounos e vainos seguir enganando, xa llelo advertín hai tempo. Señor Sánchez, deixe de comprar o poder coa dignidade e o diñeiro dos españois", di Núñez Feijóo.
Os populares alertan de que se hai presupostos para 2025 será a un prezo moi alto.