Lactalis, Leite Rio e Celega, sancionadas por "irregularidades" nos contratos cos gandeiros
Lactalis, Leite Rio e Celega, sancionadas por "irregularidades" nos contratos cos gandeiros
As multas son consecuencia das denuncias presentadas en 2020 por Agromuralla
Os contratos de compra de leite aos gandeiros non cumprían os requisitos estipulados pola lexislación vixente
A Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) sanciona a Lactalis, Leite Rio e Celega por irregularidades nos seus contratos de recollida do leite. A denuncia presentouna hai dous anos a asociación Agromuralla en nome de 120 gandeiros aos que as empresas lles baixaron unilateralmente o prezo estipulado nos contratos en vigor.
Dende Agromuralla agardan que a resolución sexa exemplarizante para que as empresas lácteas cumpran a lei de cadea, que establece que o prezo pagado polo leitee debe cubrir os custos de produción dos gandeiros.
As industrias sancionadas son Lactalis, Leite Río e Celega, especifica Agromuralla, que agrupa a gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña.
Agromuralla indica que a Axencia de Información e Control Alimentaria lles deu a razón ao recoñecer que os contratos examinados "non recollen os extremos que, como mínimo, deben conter os contratos alimentarios", de acordo coa Lei da cadea alimentaria.
No caso de Celega a infracción detectada está relacionada, ademais, con "modificacións no prezo incluído no contrato", que non foran "expresamente pactado polas partes".
Agromuralla mostra a súa satisfacción por esta resolución, pero pídelle á AICA que "actúe de oficio, vixiando o cumprimento da legalidade e defendendo os dereitos dos produtores". Engade que iso evitaría que os produtores teñan que ser "obrigados a denunciar", o que supón "un enfrontamento coas empresas que recollen o leite" das súas explotacións.
"Non imos tolerar ningún abuso por parte das industrias. Nunha situación de custos de produción aloucados como a actual, esíxese un cumprimento estrito da Lei da cadea, que establece que o prezo que se paga debe cubrir estes custos, que é o que se pode facer", conclúe a organización de produtores.