Publicador de contidos
Publicador de contidos

Lara Méndez confirma que irá de número dous nas listas do PSdeG

Lara Méndez confirma que irá de número dous nas listas do PSdeG

Méndez deixará a alcaldía de Lugo antes do día 15 deste mes

Ocupará o posto de xeito interino o tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo

G24.gal 08/01/2024 14:42 Última actualización 08/01/2024 19:52

Antes do 15 de xaneiro Lara Méndez deixará a alcaldía de Lugo para incorporarse como número dous da lista do PSdeG por esta provincia ás eleccións galegas de febreiro.

A lista está encabezada polo candidato á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro.

A propia Méndez confirmou o paso na reunión da executiva provincial do PSdeG, que tivo lugar na tarde deste luns.

 «Vou dar este paso para acompañar a José Ramón nun proxecto gañador, urxente, e necesario para Lugo e para Galicia".

Méndez afirmou que “durante estes quince anos de goberno do Partido Popular” na Xunta de Galicia “non avanzamos absolutamente en nada”, por falta de “directrices” a causa dun executivo autonómico “cortoplacista”.

Ao seu xuízo, “non hai ninguén mellor que Besteiro para defender os intereses de Lugo e de Galicia. Levamos o mellor candidato. Creo firmemente na vitoria de José Ramón para transformar a nosa comunidade autónoma”.

“Eu vou gañar. Vou cun candidato gañador, co futuro presidente da Xunta de Galicia. Creo firmemente no proxecto”, engadiu Méndez.

En canto ao paso que dá desde o punto de vista persoal e político, dixo que “a cidade de Lugo está asfixiada pola Xunta”, coas “mesmas débedas” por parte da administración autonómica que se atopou no ano 2015, cando chegou á Alcaldía.

Nese sentido, quixo contrastar “a parálise” da Xunta de Galicia en relación con Lugo coa xestión de “un modelo consolidado de cidade” por parte do Concello.

A partir de agora, indicou, manterá “o seu compromiso” con Lugo para “desbloquear” eses “grandes proxectos” pendentes e conseguir “novos” obxectivos para a cidade, pero desde outro ámbito. “Por iso dou este paso”, indicou.

Nos últimos anos, dixo visiblemente emocionada, “dediquei as 24 horas dos 7 días da semana para traballar por e para Lugo. Priorizando a cidade mesmo por encima da familia. Ese vai seguir sendo o meu compromiso”.

Méndez confirmou que entrará como edila, para ocupar a praza que deixa vacante na corporación municipal, Ángeles Novo -a número 9 da candidatura socialista-.

Sobre quen recollerá o bastón de mando, non quixo dar pistas. Rodeada por todos os edís do grupo municipal, con Paula Alvarellos á súa dereita e Ana González Abelleira á esquerda, dixo que o proxecto político do Partido Socialista “vai ter continuidade”, porque será defendido por “un equipo preparado e moi cohesionado”.

Así mesmo, confirmou que xa falou co seu socio de Goberno, o BNG, para facilitar a substitución á fronte do goberno municipal. Lembrou que entre ambos os partidos “existe un acordo programático” que se manterá “pilote quen pilote este proxecto”.

A alcaldía será ocupada de xeito interino polo tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo.

Por outra banda, preguntada pola decisión de deixar a Alcaldía oito meses despois das municipais, afirmou que foi o Partido Popular o que decidiu “o adianto das eleccións”, con “criterios partidistas e electoralistas”.

“Creo que agora pode facer un labor importante para Lugo, desde outro ámbito”, concluíu.

Enxeñeira agrícola de profesión, Lara Méndez converteuse en alcaldesa de Lugo no ano 2015, tras a renuncia de José López Orozco, que encabezou a lista dos socialistas nas municipais. Nos últimos catro anos gobernou en coalición co BNG.

Lara Méndez volveu ser elixida o pasado 17 de xuño alcaldesa da cidade de Lugo, para afrontar un terceiro mandato, grazas ao apoio dos cinco edís do Bloque Nacionalista Galego, que sumados aos oito do PSdeG, déronlle a maioría absoluta no pleno da corporación municipal.

Antes de formar parte da corporación municipal de Lugo, Lara Méndez foi concelleira no municipio mariñán de Cervo durante doce anos e vicepresidenta da Deputación de Lugo.

Na actualidade, ostenta a presidencia do Eixo Atlántico, o organismo que agrupa a municipios galegos e portugueses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade