Lara Méndez presentará renuncia o venres e Paula Alvarellos perfílase como alcaldesa
Lara Méndez presentará renuncia o venres e Paula Alvarellos perfílase como alcaldesa
Alvarellos concorreu no terceiro posto das listas do PSdeG en Lugo nas pasadas eleccións municipais
Neste momento é concelleira de Urbanismo e portavoz da área socialista do Goberno bipartito da cidade
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, formalizará a súa renuncia ao cargo nun pleno extraordinario que foi convocado para este venres, ás nove da mañá, mentres que, a falta de confirmación oficial por parte do partido, fontes socialistas aseguraron a EFE que a súa sucesora será Paula Alvarellos, que concorreu ás eleccións municipais como número 3 da lista.
Aínda que nos últimos días soaron outros nomes, como o de Miguel Fernández, número 2 da candidatura das municipais, ou mesmo o de Ana González Abelleira, responsable local do partido e número 5 da candidatura do PSdeG nas últimas municipais, eses mesmos informadores indicaron a EFE de que Alvarellos sempre foi a favorita para suceder a Méndez.
Paula Alvarellos (Ponteceso, 1963) é neste momento concelleira de Urbanismo e portavoz da área socialista do goberno bipartito da cidade de Lugo, responsabilidade na que sucedeu ao propio Miguel Fernández no presente mandato.
Durante os seus catro primeiros anos no goberno municipal -este será o seu segundo mandato- ocupouse das áreas de Recursos Humanos e Economía, o que, segundo as mesmas fontes, permitiulle ter un amplo coñecemento sobre o funcionamento da entidade local e, de forma máis precisa, dos distintos departamentos da administración municipal.
Aseguran esas fontes do PSdeG que sempre foi a principal opción para suceder a Méndez, pola súa formación, pola súa traxectoria profesional e polo coñecemento que adquiriu das entretelas do propio Concello durante os últimos anos.
O que non periga é o pacto de goberno co BNG, tal e como certificou o propio tenente de alcalde e portavoz nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, quen confirmou que o acordo co Partido Socialista mantense a pesar da renuncia da alcaldesa, Lara Méndez.
Mantense “intacto o compromiso para continuar co labor de facer de Lugo un lugar mellor”, asegurou, porque “poden cambiar as persoas, pero o proxecto de cidade segue en pé”.
“O BNG seguirá traballando no proxecto de cambio iniciado fai catro anos e medio. Todo o mundo pode ver o cambio que está a experimentar Lugo nos últimos anos”, concluíu.