Lemos: "O que fixemos hoxe foi tremendo. No descanso ninguén o imaxinaría"
Lemos: "O que fixemos hoxe foi tremendo. No descanso ninguén o imaxinaría"
O técnico do conxunto carballés explicou a incrible remonta en Palencia
Con tres a un en contra no tempo de lecer, e amosando unha mala imaxe na Nueva Balastera, todo facía presaxiar que a visita do Bergantiños á capital palentina se saldaría cunha derrota. Pero nun segundo tempo espectacular, o conxunto vermello deulle a volta ao marcador para rematar goleando por tres a cinco. De camiño a casa, o seu técnico Jose Luis Lemos atendeu á Radio Galega.
"É certo que o que fixemos hoxe foi tremendo. Co resultado no descanso ninguén pensaría que faríamos iso. No primeiro tempo estivemos incómodos. Non lles dixen nada especial, só que non había que precipitarse, que había moitas cousas en xogo, o average con eles e, incluso, que se metiamos o segundo cedo poderíamos entrar de novo no partido. Falamos de arriscar e meter un equipo máis ofensivo. Fixemos fútbol total".
Con este triunfo o Bergantiños suma 41 puntos e está situado en postos de promoción de ascenso a 1ª RFEF. Pero o seu técnico prefire ir pouco a pouco.
"O vindeiro rival, o Arenteiro, está en bo momento, fóra do descenso. Temos idea de manternos aí, ser ambiciosos e logo ver onde nos coloca o fútbol. Se temos unha virtude neste grupo é que non nos poñemos metas, pensamos en gañar cada partido. Non contaban con este equipo e estamos a facernos un nome na categoría".