Presidente da ATA: "Preocúpanos que se rompa a igualdade entre españois"

Lorenzo Amor asegura que a redución da xornada laboral pactada entre o PSOE e Sumar aumentará un 7 % os custos

G24.gal 05/11/2023 09:45 Última actualización 05/11/2023 12:19

O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) e vicepresidente da CEOE (Confederación Española de Organizacións Empresariais), Lorenzo Amor, expresa na Radio Galega a súa preocupación polas consecuencias derivadas do pacto de investidura entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Amor alerta da ruptura do principio de "igualdade entre españois". O presidente de ATA non agocha o seu pesimismo pola situación política de España, di que se precisa certeza nun contexto económico complicado. 

"Dificilmente imos entrar en política pero estamos preocupados porque se poida romper a igualdade entre españois que consagra a Constitución. Estamos asistindo a unha poxa importante de moitos temas do Estado e que rompe esa unidade e rompe esa igualdade entre todos os españois".

Lorenzo Amor tamén cuestiona o acordo de coalición de Goberno entre o PSOE e Sumar con medidas como a redución da xornada laboral sen que iso supoña rebaixa salarial. 

O presidente de ATA, se isto vai adiante, asegura que serán máis cargas económicas para as empresas. Estima que suporá un aumento do 7 % dos custos salariais. Un incremento de custos, agoira, que algunhas empresas non poderán afrontar.

"O impacto é un incremento dun 7 por cento nos salarios e dos custos laborais. Formular isto cando hai máis impostos, cando hai máis cotizacións, cando están subindo os prezos dos alugueiros, das hipotecas, dos custos financeiros... Formular isto neste momento é afogar a moitas empresas e autónomos. Uns poderán aguantar os empregos pero pense que outros, outro novo aumento de custos laborais non o van poder soportar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade