Lugo convértese nun escaparate das últimas novidades de automoción grazas ao Salón do Automóbil
Lugo convértese nun escaparate das últimas novidades de automoción grazas ao Salón do Automóbil
Os responsables dos concesionarios constatan interese polos vehículos eléctricos
A seguridade e o prezo tamén son decisivos á hora de elixir coche
As últimas novidades do mercado automobilístico pódense ver esta fin de semana en Lugo.
"Aquí podemos ver un total de 14 concesionarios de Lugo e cada un deles trae un total dunhas 42 marcas de coches", explica Roser Ares.
Nos concesionarios constatan que hai interese polos coches eléctricos.
"Está claro que temos que ir cara ao eléctrico porque no 2035 non nos van deixar vender outra cousa que non sexa eléctricos. Cal é a desvantaxe agora mesmo? Que non hai infraestrutura suficiente, refírome a cargadores. Aínda non temos na rede suficientes cargadores para poder complementar a todos os coches eléctricos que vendemos. Agora mesmo son o 5% do mercado pero vai ir medrando", analiza Benito Mayor, xerente do grupo Breogán de Lugo.
"O tema da etiqueta ECO ou da etiqueta 0 é un plus moi importante nos vehículos, e si que notamos moitísimo interese nos vehículos de hibridación e electrificados", engade o responsable de márketing de Caetano Fórmula, Pablo García.
O prezo do vehículo, a seguridade e a autonomía á hora de circular tamén son determinantes á hora de escoller un coche.
"Os clientes seguen buscando un pouco por prezo e sobre todo gasolina. O tema do eléctrico si que cada vez se está vendendo máis pero os clientes seguen tirando pola gasolina", matiza Pablo Rodríguez, de Blendio Autogomas.
"Un coche pequeno, se pode ser híbrido. Eu teño un híbrido e automático e moi ben".
Se buscan coche, a vindeira fin de semana o salón do automóbil de Lugo está dedicado ao vehículo de ocasión.