Lugo torna ata o domingo nun escaparate dos mellores produtos alimentarios galegos
Lugo torna ata o domingo nun escaparate dos mellores produtos alimentarios galegos
A titular de Medio Rural inaugura na cidade un mercado de Nadal con alimentos do país
Os mellores produtos agroalimentarios do país son os protagonistas do último mercado de Nadal instalado en Lugo, na céntrica praza da Horta do Seminario. Nel participan ata 25 operadores, que ofrecen as súas creacións ao público en xeral.
Chelo López, queixeira: "Temos este queixo, Néboa, de leite cru afinado con penicilium, e temos tamén o noso queixo que fala de tradición e de terra, que é Agarimo".
Tamara Castro, artesá das galletas: "Temos o produto de sempre, que é a receita orixinal das galletas de Xian, cun selo de calidade como é Artesanía Alimentaria, co que estamos promovendo os produtos no mercado".
Daniel Pérez, queixeiro: "Este mercado vén poñer en valor a Artesanía Alimentaria, un novo selo de calidade alimentaria que hai en Galicia. Vénnos certificar aos elaboradores que temos moito que ver no noso produto en lugar das máquinas".
A mostra está organizada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, adscrita a Medio Rural. Ademais da venda de produtos, tamén haberá degustacións, maridaxes, merendas, contacontos, teatro, maxia e sorteos de lotes.
Marisé González, responsable de promoción da Agacal: "Temos degustacións, obradoiros infantís con todo tipo de xogos e de adornos do Nadal, actuacións de maxia, música... Tamén a visita de Papá Noel con chocolate quentiño".
Este é o terceiro mercado destas características organizado para esta campaña de Nadal, dun total de catro. En conxunto, investiuse arredor de medio millón de euros, no marco do "Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia".
María José Gómez, conselleira do Medio Rural: "Estes son uns mercados orientados a promover eses produtos de calidade diferenciada que fan pequenos produtores. É unha maneira de darlles visibilidade e achegalos á rúa, e nunha data coma esta de Nadal".