Publicador de contidos
Publicador de contidos

Luis Rubiales irá a xuízo polo bico a Jenni Hermoso

Luis Rubiales irá a xuízo polo bico a Jenni Hermoso

A Audiencia Nacional rexeita os recursos dos investigados e confirma os indicios da comisión de delitos contra a liberdade sexual e coaccións

G24.gal 22/04/2024 10:50

A Sala do Penal da Audiencia Nacional (AN) rexeitou os recursos dos investigados e confirmou a apertura de xuízo oral contra o expresidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) Luis Rubiales, o exseleccionador feminino Jorge Vilda, o director deportivo da selección Albert Luque e quen foi responsable de Marketing Rubén Rivera polo bico non consentido á xogadora de fútbol Jennifer Hermoso e as posteriores coaccións.

En catro autos distintos, un por cada recurso presentado, os maxistrados da Sección Terceira indican que na fase procesual en que se atopa a causa non se persegue a acreditación de feitos, senón que se trata dun impulso procesual en que o órgano instrutor ten que valorar se existen indicios para continuar a tramitación do procedemento.

A Audiencia Nacional confirma os indicios de delitos contra a liberdade sexual e de coaccións

Neste caso, os maxistrados consideran que os feitos que se describen no auto que propuxo sentalos no banco recolle indicios que encaixan na descrición típica dun delito contra a liberdade sexual e outro de coaccións xa sexan do 172.1 do Código Penal ou de carácter leve.

O tribunal, en concreto, indica que as consecuencias xurídicas "do bico e do constrinximento non poden ser obxecto de valoración neste momento".

A Sala tamén explica que os recorrentes pretenden neste trámite procesual confrontar as declaracións coma se se tratase do xuízo oral.

As testemuñas, segundo os maxistrados, relatan uns feitos que son susceptibles de encadrarse en ambos os dous delitos, polo que o desafío probatorio corresponderá á fase do plenario e non á instrución, "que se limita a determinar se existen indicios e se son subsumibles nun tipo penal".

"Unha acción concertada dos tres" procesados acordada con Rubiales "para dobregar a vontade de Hermoso e conseguir que accedese a gravar un vídeo en que dixese que o bico fora consentido"

O pasado mes de xaneiro o xuíz da Audiencia Nacional Francisco de Jorge propuxo xulgar a Rubiales, ao considerar que o bico á xogadora "non foi consentido" e que o exdirixente actuou de forma "unilateral e sorpresiva".

O maxistrado, en concreto, aseguraba na súa resolución que "as presións ás que se someteu a xogadora crearon" na futbolista da Selección feminina "unha situación de ansiedade e intenso estrés".

Ademais de a Rubiales, o maxistrado tamén propón enviar ao banco a Luque, Vilda e a Rivera polas presións posteriores ás que se someteu a xogadora para que accedese a realizar unha manifestación pública afirmando que o bico fora consentido.

O xuíz afirmaba que existiu "unha acción concertada dos tres" procesados acordada con Rubiales "para dobregar a vontade de Hermoso e conseguir que accedese a gravar un vídeo en que dixese que o bico fora consentido".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade