Rubiales renuncia aos cargos de presidente da RFEF e vicepresidente da UEFA
Rubiales renuncia aos cargos de presidente da RFEF e vicepresidente da UEFA
Comunicou a súa decisión nas redes sociais
A renuncia presentoulla ao presidente Pedro Rocha esta mesma noite
Luis Rubiales presentou a súa renuncia aos cargos de presidente da RFEF e de vicepresidente da UEFA este domingo. Segundo indicou cun comunicado na rede social X, informou desta decisión ao presidente en funcións da Federación Pedro Rocha.
Defenderé mi honorabilidad.
— Luis Rubiales (@LuisRubiales17) September 10, 2023
Defenderé mi inocencia.
Tengo Fe en el futuro.
Tengo Fe en la verdad.
Gracias a todos. 🇪🇸https://t.co/yS9rM1HBTm
Logo de moitos días de silencio, desde que fora afastado dos seus cargos por orde da FIFA, finalmente o expresidente deixa os seus cargos, como lle solicitaban voces mediáticas, políticas, e gran parte da opinión pública.
Agora ábrese unha nova etapa, con cambios substanciais no estamento federativo, que, polo momento, segue encabezando Pedro Rocha.
Victor Francos: "Fixo o que tiña que facer"
O presidente do Consello Superior de Deportes (CSD), considerou tras anunciar Luís Rubiales a súa dimisión á fronte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), que fixo "o que tiña que facer" e pediu que leven adiante os cambios estruturais aos que se comprometeu Pedro Rocha e se convoquen eleccións "en tempo e forma".
“O expresidente fixo o que tiña que facer. É o que lle pediamos prácticamente todo o conxunto da cidadanía española. É unha boa decisión porque beneficia ao fútbol español. Non só o respectamos, senón que o compartimos”, explicou en declaracións á Cadea SER.
"O que se produciu hoxe é un xesto importante, quero agradecerlle a todo o mundo a paciencia que tiveron. Non o digo por xerar pena, pero non foron uns días fáciles", admitiu Francos.
Asegurou que non falou con Rubiales "desde o xoves antes da Asemblea (o pasado 24 de agosto)" e que a dimisión deste domingo non lla comunicou Pedro Rocha, agora á fronte da RFEF, aínda que "ben está o que ben acaba”.
“Houbo un conxunto de circunstancias e persoas que lle dixeron que tiña que irse. O Tribunal Administrativo do Deporte sorprendeume que non cualificase o acto de moi grave. Foi máis severo Rubiales que o propio TAD”, continuou o presidente do CSD.