Luis Zahera gaña o Goya ao mellor actor secundario en "As Bestas", a película que acada nove cabezóns
Luis Zahera gaña o Goya ao mellor actor secundario en "As Bestas", a película que acada nove cabezóns
Luis Zahera gaña o Goya ao mellor actor secundario en "As Bestas", a película que acada nove cabezóns
A noite dos Goya tivo nesta edición un marcado acento galego. As bestas triunfou con nove galardóns, entre eles o outorgado a Luis Zahera como o mellor actor secundario. Unicorn wars, participada por TVG, foi a mellor película de animación e o vigués Fran Araújo recolleu o premio ao mellor guión adaptado polo seu traballo en Un Año, una noche.
As bestas, a historia baseada no crime de Santoalla foi rodada en galego, castelán e francés. Segundo os profesionais do cine, os mellores actores desta tempada do cine español foron os dous que a protagonizan, o francés Denis Menochet e o santiagués Luis Zahera.
"É unha película poliédrica, que ten moitas lecturas. Hai xente que di que é unha historia de amor incrible entre ese matrimonio, xente que di que é unha historia de violencia, xente que di que é de terror...", conta Luis Zahera, o flamante Goya como o mellor actor secundario.
Guión, fotografía, montaxe, son, música e dirección tamén para As bestas.
"Emocionado, abafado, sorprendido, de feito, criamos que non ía ser así. Entón a celebralo, moi contento", conta a TVG o mellor director nesta edición dos Goya, Rodrigo Sorogoyen.
A mellor película de animación, galega tamén, foi Unicorn Wars
"Os académicos e o público, están os dous aceptando moi ben este tipo de propostas. Porque a nosa película non é unha película doada en ningún senso", matiza Alberto Vázquez, o director coruñés da película que se alzou co Goya á mellor película de animación.
Modelo 77 levou cinco Goyas e Cinco lobitos tres. Juliette Binoche dedicou o seu Goya internacional a Carlos Saura coa canción icónica de Cría Cuervos. Saura foi despedido con todos os honores na edición en que a morte lle impediu ir recoller o seu cabezón.