Madrugada xélida en Galicia
Madrugada xélida en Galicia
Un episodio de frío curto pero intenso cruzará a comunidade este sábado
As mínimas baixarán de 0 graos mesmo en puntos do litoral
Galicia vai tremer esta noite como poucas no que levamos de inverno. Unha peculiar combinación de elementos trae temperaturas xélidas a este recuncho do noroeste.
"O que sucede é que quedamos no medio entre a cuña anticiclónica, a borrasca Juan, as isóbaras comprímense e achegan aire frío procedente do continente europeo", explica Juan Taboada, de Meteogalicia.
Un aire que durante este venres xa deixou unha sensación térmica moi por baixo dos 10 graos de máxima que se rexistraron en case toda a comunidade e que é só un anticipo do que virá nas vindeiras horas.
"Todos eses elementos conspiran para deixarnos unha madrugada realmente fría, na que as xeadas van suceder de xeito xeneralizado. Mesmo en puntos do litoral, que non adoita ser moi habitual aquí en Galicia, teremos mañá temperaturas baixo cero", conta Taboada.
Na rúa, resignación.
"Mellor, que xee, ten que xear, que estamos no tempo", di unha señora.
"Dan ganas de meterse na casa, que hoxe aguantamos un pouco por sacrificio", replica unha moza.
"Dobre capa, tripla capa, mira, ata o can está tremendo!", conta outra muller en Lugo.
O episodio de frío non vai durar máis ca unhas horas, ata que comecen a entrar xa durante o sábado os ventos do suroeste.
"Realmente a anomalía intensa vai ser mañá sábado, e o domingo e o luns vemos estas cores vermellas que indican que as temperaturas van estar por riba do que cabería agardar nunha madrugada do mes de xaneiro", explica Taboada.
Tanto é así que nalgúns puntos as mínimas poderán subir ata 10 graos en menos de 48 horas.