Máis alá do mito, a crise dos 40 ten base científica
Máis alá do mito, a crise dos 40 ten base científica
Un estudo da Oficina Nacional de Investigación Económica dos EUA sitúa nos 47 anos o momento menos feliz da vida
"A crise dos 40 non é un mito, pero non todo o mundo a pasa e non é unha patoloxía", din os expertos
Actualmente a mocidade alóngase ata o imposible. Así que, para algúns, toparse coa realidade é un fenómeno máis ben tardío. Arredor dos 40 anos é cando se toma conciencia do que se fixo e do que queda por facer.
Constátase na rúa onde nos contan que "empezas a notar os cambios no corpo e na vida" ou "polo traballo e as cousas que están pasando, como a pandemia". Outros veno como "un momento da vida en que repensas todo, como as amizades, a familia e, sobre todo, o traballo".
Asegura a psicóloga clínica Verónica Rey, directora de In&Out Psicoloxía, que a crise dos 40 "non é un mito, pero non todo o mundo ten que pasala. E, sobre todo, non é unha patoloxía".
Estudos científicos, como o elaborado pola Oficina Nacional de Investigación Económica dos Estados Unidos, falan da curva da felicidade que sitúa nos 47 anos o momento menos feliz da vida. Verónica Rey coincide con este estudo, mais puntualiza que "non hai que ser drásticos nin dramáticos".
E que o sensato é "aceptar que se poden realizar moitas máis cousas, que se poden conseguir e que queda moita vida por diante".
Unha mensaxe de esperanza tamén para os máis novos que atravesan a súa propia crise. Un mozo de 32 anos apunta que el está "no paro e que boa parte da xente que coñezo está igual ou con traballos moi precarios polo que falar da crise dos 40 cando aínda temos 30 e estamos con estes problemas... está aínda un pouco lonxe".
E como non hai mal que cen anos dure, o mesmo estudo indica que a partir dos 50 volvemos ser máis agradecidos coa vida.