Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 200 persoas traballan na recollida dos 'pellets' das praias afectadas

Máis de 200 persoas traballan na recollida dos 'pellets' das praias afectadas

Os técnicos piden prudencia na retirada porque se pode danar o medio natural

A Consellería do Mar envía aos municipios un protocolo contra os 'pellets'

G24.gal 09/01/2024 14:42 Última actualización 09/01/2024 15:14

As brigadas de limpeza traballan arreo nos areais máis afectados. A Xunta de Galicia puxo en marcha un operativo en terra de máis de 200 persoas entre brigadas da empresa Tragsa, axentes ambientais do servizo de Patrimonio Natural e o Servizo de Gardacostas. O primeiro labor é o de vixilancia para determinar as praias afectadas segundo as mareas.

"Na zona intermareal xa non hai practicamente pellets, pero si hai outras praias que polas correntes si se acumulan máis noutras zonas e é necesario recollelo", di Isaac Gómez, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

Xunto con esta praia de Sada, tamén en Nigrán se levou a cabo un operativo de limpeza coordinado polo concello coa participación de voluntarios. A retirada dos pellets ten que facerse de xeito minucioso. Os técnicos piden prudencia porque se pode danar o medio natural.

"Hai que ter moito coidado porque en zonas con figuras de protección ambiental é necesario pedir autorización porque pode haber aniñamento de aves, pode haber zonas de acuicultura", asegura Isaac Gómez, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

A Consellería do Mar envía aos municipios un protocolo contra os pellets

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, enviou a máis alcaldes de municipios costeiros de Galicia un protocolo de actuación e de reclamación de danos fronte aos pellets de plástico chegados nos últimos días ao litoral galego.

Deste xeito, o conselleiro de Mar estende a recomendación que fixo a outros alcaldes galegos nunha carta o pasado día 4 de xaneiro e que esta semana volveu remitir a rexedores doutros municipios afectados.

Nesta misiva, Villares lembra aos concellos que a tarefa de limpeza nos areais galegos é competencia da Administración local e, para iso, proponlles un “protocolo de actuación”, así como os custos dos labores de limpeza para que, “posteriormente, e de forma centralizada, a Xunta faga chegar esa información á empresa armadora”.

A Xunta propón aos concellos que indiquen nesta documentación cuestións como a descrición do lugar contaminado, un plano do mesmo, a identificación do reclamante dos custos de limpeza, cuantificación da afección ambiental, unha reportaxe gráfica da vertedura, medios materiais e humanos empregados, así como a xustificación de gastos con facturas.

Denuncia de ecoloxistas

Ecoloxistas en Acción presentou en Noia unha demanda penal contra a armadora e o capitán do buque que perdeu parte da súa carga. Atribúenlles un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais, e pídenlle á navieira unha fianza de dez millóns de euros para facerlle fronte á limpeza, que prevén longa e custosa.

As confrarías de pescadores están preocupadas. O presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, lamenta que non se fixera público antes para poder actuar de forma inmediata. E transmítelles unha mensaxe de tranquilidade aos consumidores. 

O ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, fixo fincapé en que o peixe e marisco galegos son seguros para o consumo, e que non se detectou ningún problema relacionado coa chegada dos pellets de plástico. Luis Planas di que a Axencia Estatal de Seguridade Alimentaria está vixiante. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos