Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 3.000 concellos do rural agardan por un caixeiro automático

Máis de 3.000 concellos do rural agardan por un caixeiro automático

A patronal bancaria comprometeuse co Goberno a levar servizos financeiros aos concellos de máis de 500 habitantes

Buscamos a opinión dos veciños do concello ourensán de Punxín, un dos potenciais beneficiarios

G24.gal 08/10/2022 21:21 Última actualización 09/10/2022 10:13

O censo de Punxín aumentou recentemente, coa apertura de dúas residencias de maiores nun concello avellentado coma o resto do rural ourensán.

"Os máis novos xa estamos afeitos ao plástico, e as transaccións electrónicas, pero a xente máis maior, como poden ser os meus pais, queren ter metálico", comenta un veciño.

Cos seus setecentos habitantes, entraría na primeira fase contemplada polo Goberno e a patronal bancaria para levarlles servizos financeiros presenciais nun prazo máximo de seis meses.

"Se nos están dicindo que veñamos para o rural, cantas máis facilidades teñamos, mellor", sinala outro veciño.

Os veciños, en xeral, agardan con impaciencia por un servizo que nunca tiveron, e que os obrigaba a desprazarse a outras localidades, como Barbantes, no concello veciño de Cenlle, onde hai só medio ano que estrearon o seu propio caixeiro.

"Hai que ir a Maside, a Carballiño ou a Ourense. O máis próximo, Maside, cinco quilómetros", aclaran.

Aquí apenas quedan negocios, pero sempre hai onde gastar os cartos.

"Pasa o panadeiro, pasa o peixeiro... e eles necesitan cambio, e acábanmo enseguida", asegura Paula Morán, farmacéutica de Punxín.

Non saben aínda que tipo de servizo lles vai tocar: unha oficina móbil, un caixeiro ou un axente de zona.

Manuel Vázquez, alcalde de Punxín: "Terá que ser un servizo como mellor lles vaia pero que, cando teñamos algún problema, saibamos a quen chamar para que veñan inmediatamente a solucionar o servizo".

Está previsto que a medida chegue tamén aos concellos de menos de 500 habitantes, pero a máis longo prazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade