Abre ao público o centro comercial Nasas Nigrán
Abre ao público o centro comercial Nasas Nigrán
30.000 metros cadrados para compras, restauración e entretemento familiar
A promotora prevé cinco millóns de visitantes no ano 2023
Últimos preparativos, reunións de equipo e moita actividade a poucas horas para a inauguración do Nasas Nigrán. En 14 meses está parcela do Porto do Molle transformouse nunha enorme superficie comercial ao aire libre, ao estilo americano, en que se combinan o entretemento e as compras.
"É un ocio moi enfocado á familia, cos nenos de protagonistas. Ademais Nasas mestura o entretemento con tendas de primeiras marcas internacionais e tamén comercios e restauración local", explica José Antonio García, promotor do centro comercial.
A tenda de roupa de Águeda Rial é un deses doce negocios locais que agarda gañar visibilidade e clientela formando parte do proxecto. "Intereseime porque pensei que xunto aos grandes a afluencia de público sería maior", asegura.
A ocupación do espazo comercial xa está ao completo e a previsión é de que por aquí pasen uns 5 millóns de visitantes no 2023.
"O investimento total superou os 55 millóns de euros, xeramos 350 postos de emprego directos e 150 indirectos, o 78 % son empregados da provincia de Pontevedra", concreta o promotor.
Os promotores destacan tamén a accesibilidade e a sustentabilidade e o lugar elixido, pensado para atraer clientes de toda a provincia, o norte de Portugal e o turismo de veraneo da zona.