Mantense o prezo de carnes e peixes e soben os mariscos
Mantense o prezo de carnes e peixes e soben os mariscos
Moito movemento nas prazas de abastos galegas
As subas dos prezos nótanse sobre todo nas carnes e nos mariscos
En datas achegadas ao Nadal o balbordo nótase en todos os mercados galegos. Os que deixaron as compras para este sábado pagaron os camaróns entre 100 e 130 euros, o cordeiro a máis de 18 e as verduras subiron preto dun euro, non compensa conxelalas segundo as froiteiras.
Os mariscos experimentaron subas elevadas, porén, o peixe e a carne, que xa subiran no outono, están mantendo prezos.
"Subiu moitísimo, outros anos máis ou menos, pode haber unha diferenza de sete, oito euros ou dez incluso, pero este ano a subida foi bestial", explica Rocío Domínguez dende a peixería.
Algúns non poden adiantar as compras ou agardan por algún capricho de última hora.
"Comprei un rodaballo, a 20 euros, e vou coller algo de marisco".
As carnes clásicas destas datas non subiron en exceso e hai moitos que as compran no día.
"Máis ou menos está ben de prezo, por exemplo, o cordeiro está a sete ou oito quilos está a 18,50 euros, está ben de prezo", conta Ana Ramos, na carnicería.
A froita e a verdura é o que menos conxelación admiten.
"Hoxe vin buscar verdura para facer cocido e mais a asa de cántaro para facer co bacallau".
"Hoxe véndese un pouco de todo, pero en especial a coliflor, a asa de cántaro e xa empezamos a vender algo de uva, un pouquiño de todo, é un día de movemento", comenta María Xosé Duarte dende a froitería.
Queda agora o groso do traballo, conservar, cociñar e servir todos os produtos adquiridos.