Mazón e a conselleira do Interior, sinalados pola xestión politica da DINA
Mazón e a conselleira do Interior, sinalados pola xestión politica da DINA
O presidente da Generalitat estivo comendo nun restaurante, pero aínda non desvelou con quen
A conselleira do Interior defende que sempre actuaron seguindo os datos
Mentres a riada devastaba Utiel ou mataba en Paiporta, os cidadáns da provincia de Valencia recibían unha mensaxe de alerta nos seus teléfonos móbiles. Eran as 8 e 11 minutos da tarde. A catástrofe xa era imparable.
A pregunta é por que se tardou tanto en enviar alerta. A conselleira responsable das emerxencias en Valencia asegura que a decisión se tomou uns minutos antes, durante unha reunión do Comité de Coordinación de Emerxencias, e despois de recibir unha chamada do Secretario de Estado de Medio Ambiente onde lle di que hai risco de que rebente a presa de Forata.
Segundo Salomé Pradas, é aí "cando un técnico nos informa que existe un mecanismo que se denomina ES-Alert, que aínda non está regulado, que non está nos nosos plans autonómicos e que aínda é un borrador que está no Comité de Protección Civil por aprobar".
Ese mecanismo xa se probara na Comunidade Valenciana en 2022. Pradas intentou aclararse despois nas redes sociais, onde negou que non o coñecera. Unha hora antes de enviar esa mensaxe, no CECOPI xa falaban desa posibilidade. A Generalitat argumenta que actuaron sempre conforme os datos que ían recibindo da Aemet e da Confederación Hidrográfica do Xúcar .
A polémica pola xestión política vai a máis e sitúa no centro da diana o presidente Mazón. Ese día estivo ilocalizable entre as 3 e as 7 da tarde. Este venres soubemos que estivo comendo nun coñecido restaurante de Valencia pero aínda non transcendeu con quen. Na rúa comezan a pedir a súa dimisión. Esta noite xa se produciu a primeira concentración.
O Goberno apraza a confrontación directa. Di que o momento de depurar responsabilidades xa chegará. Agora toca, estar preto dos afectados e darlle solucións ás súas necesidades.