Melloran as condicións meteorolóxicas para loitar contra o lume nas Hurdes
Melloran as condicións meteorolóxicas para loitar contra o lume nas Hurdes
O presidente Vara pide prudencia porque o incendio segue activo
Ao longo da xornada decidirán se poden regresar os veciños evacuados
Máis de 600 efectivos continúan traballando para intentar controlar o incendio que xa arrasou 8.500 hectáreas nas comarcas estremeñas das Hurdes e Gata. O presidente da comunidade, Guillermo Fernández Vara, asegura que as condicións meteorolóxicas melloraron algo, e que ao longo da xornada decidirán se os máis de 500 veciños evacuados poden volver ás súas casas.
Este sábado, os traballos dos equipos de extinción céntranse en Ovejuela, onde as lapas saltaron o perímetro e esperan controlalas antes de que cheguen a un cortalumes próximo. Os medios aéreos e a maquinaria pesada están xa nesta zona á que non é doado acceder, pola orografía do terreo e pola cantidade combustible.
"Hai unha boa noticia, e é que a velocidade do vento diminuíu sensiblemente e a temperatura está baixando, polo que o escenario é mellor que o do mércores e o xoves"
Con todo, Vara pide prudencia porque o incendio segue activo. En función de como evolucione ao longo deste sábado, as autoridades decidirán se os centos de veciños desaloxados poden volver ás súas casas: 75 están en albergues e o resto en casa de familiares e amigos. Tamén se estableceu un dispositivo para atender os animais das granxas afectadas polo lume.
"Parece ser que si que a esperanza é boa e que pode que esta noite se vaia controlando todo e nos manden esta noite para a casa (...). Aquí tratáronnos ben pero o peor é o que deixamos, é a nosa casa", contan algunhas das persoas afectadas.
Este incendio, que comezou o mércores, arrasou máis de oito mil hectáreas aínda que se trata dunha cifra aproximada porque dentro do perímetro hai numerosas illas de vexetación que non arderon.