Meta despedirá 11.000 traballadores, o 13 % do cadro de persoal
Meta despedirá 11.000 traballadores, o 13 % do cadro de persoal
En números totais, é o maior recorte de cadro de persoal da historia
Mark Zuckerberg asume que se equivocou nas previsións de crecemento e que se expandiu a demasiados sectores
A tecnolóxica estadounidense Meta, propietaria de Facebook, WhatsApp e Instagram, prevé despedir uns 11.000 traballadores, o 13 por cento do seu persoal, segundo un comunicado publicado este martes na súa web e que subscribe o propio Mark Zuckerberg.
Estes despedimentos, segundo o máximo responsable de Meta, pretenden lograr unha empresa máis áxil e eficiente e responden os cambios ocorridos na contorna económica e empresarial. Os afectados recibirán un correo electrónico para informarlles da súa situación.
Zuckerberg asegura no seu comunicado que esta decisión supón unha das máis "difíciles" na historia da compañía e asegura que asume a responsabilidade: "sei que isto é difícil para todos, e síntoo especialmente polos afectados".
A pandemia da covid-19, sinala o conselleiro delegado da compañía, provocou un importante aumento do comercio electrónico e "un crecemento descomunal dos ingresos", que posteriormente non se mantiveron.
"Moita xente predixo que isto sería unha aceleración permanente que continuaría mesmo despois de que terminase a pandemia. Eu tamén o fixen, así que tomei a decisión de aumentar significativamente os nosos investimentos.
Desafortunadamente, isto non saíu como esperaba", engade. Agora, a recesión macroeconómica, o aumento da competencia e a perda de anunciantes provocaron, segundo Zuckerberg, "que os nosos ingresos sexan moito máis baixos do que esperaba. Equivoqueime e asumo a responsabilidade por iso".
O máximo responsable de Meta recoñece que a compañía ten que centrarse nun menor número de sectores, reducir custos e priorizar algunhas unidades como a orientada ao de motor de Intelixencia Artificial.
Os despedimentos, segundo asegura hoxe o diario económico The Wall Street Journal, son as primeiras reducións amplas de persoal que se producen nos dezaoito anos de historia da empresa e coinciden cos levados a cabo por outras compañías tecnolóxicas, como Twitter. EFE